Ir o contido principal

Entregados os cinco e-books sorteados entre os universitarios que participaron na campaña 'Fai que a túa opinión conte!'

A Campaña pretendía coñecer o grao de satisfacción dos usuarios da biblioteca cos servizos ofertados

As estudantes Olalla Calvo Míguez e Paula Vázquez Ramos, e Manuel Pereiro López, Mª del Carmen Rodríguez Pérez e Mª Dolores Cadaval Sampedro, do Persoal Docente e Investigador, son os cinco universitarios que este martes 7 recibiron os seus respectivos e-books sorteados entre as persoas que participaron na campaña ‘Fai que a túa opinión conte!’, para coñecer o grao de satisfacción cos servizos da biblioteca universitaria.
A entrega dos premios celebrouse nun acto no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome no que estiveron presentes a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso; a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja; a directora da Biblioteca Universitaria, Mª Isabel Casal; a xefa de área de Calidade e Mellora de Procedementos, Fara Calvo; a presidenta da Comisión da Biblioteca Universitaria, Mª Luz Ríos.
O sorteo celebrouse o pasado mes de maio e nel entraron todos os universitarios que cumprimentaron unha enquisa que pretendía coñecer a utilización que os usuarios da Biblioteca fan das súas ferramentas. Foron máis de 1.200 as respostas recibidas, maioritariamente do Persoal Docente e Investigador (PDI) e estudantes, seguidos do Persoal de Administración e Servizos (PAS). A enquisa podíase cumprimentar dende o 23 de abril ata o 8 de maio a través da web e estaba dirixida a profesores, investigadores, alumnos e PAS.
Trátase dun taxa de participación moi importante, en opinión da vicerreitora Mª José Alonso, que reporta unha “valiosa información” de cara a manter “o nivel de excelencia da calidade” que se percibe na Biblioteca Universitaria.
O obxectivo da campaña foi avaliar a opinión dos usuarios da biblioteca universitaria e recompilar información que permita detectar as oportunidades de mellora deste servizo, resultando imprescindible para emprender accións que permitan aumentar a súa calidade. No proceso, a Biblioteca conta co asesoramento e colaboración da Área de Calidade da Vicerreitoría de Calidade e Planificación Estratéxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2009.