Entregados os diplomas do Máster en Prevención de Riscos Laborais da Facultade de Ciencias

O III Máster en Prevención de Riscos Laborais, organizado pola Facultade de Ciencias de Lugo, celebrou este xoves 20 a súa sesión de clausura coa entrega de diplomas aos 20 inscritos nesta edición nun acto celebrado no Salón de Actos deste centro lugués.
A entrega dos diplomas e a clausura estivo a cargo do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o decano de Ciencias, Francisco Fraga López; o director xerente do complexo hospitalario Xeral Calde, Miguel Fernández, e os coordinadores do máster, José Carlos Quintas Fernández e Santiago Díaz de Feijo.
Os presentes animaron aos posgraduados a seguir traballando dado que se trata de estudos “cunha importante demanda no mercado laboral e que cada vez terá máis” e tamén a continuar a súa formación “ao longo de toda a vida”. O decano lembrou tamén que dos catro máster dispoñibles na actualidade en Prevención de Riscos, un está na facultade lucense e está considerado “o máis completo”.
O obxectivo deste curso era a formación de técnicos de nivel superior en Prevención de Riscos Laborais, tal e como contempla a lei, tanto con saídas laborais na empresa privada como para as institucións públicas. De feito, neste máster fixéronse as tres especialidades que contempla a titulación de Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais, capacitación que acadaron coa finalización do curso.
As clases deron comezo no mes de febreiro deste ano e remataron este mesmo mes despois de 800 horas de clases, que sumaron un total de 80 créditos. A metodoloxía seguida durante o curso foron en primeiro lugar un módulo común de 350 horas (91 presenciais e 259 seguidas mediante portal virtual formativo). Outras cen horas foron destinadas a cada unha das especialidades, Seguridade, Ergonomía e Psicosocioloxía aplicada e Hixiene Industrial (75 presenciais e 225 mediante portal formativo); outras tantas foron destinadas ao traballo de final de curso e 50 horas a prácticas en empresas.
Este curso derivou na posta en marcha do Máster Oficial en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental que foi presentado no mes de outubro e que se oferta xa como unha titulación oficial propia de posgrao da USC, con 45 alumnos nesta primeira convocatoria.