Ir o contido principal

Entregados os galardóns do certame audiovisual ‘Móvete’

Móvete
Cartel do certame
O ILG deu pulo a este concurso dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, así como 1º ou 2º de Bacharelato, co gallo da celebración dos seus 50 anos de historia
Santiago de Compostela

No marco das celebracións do seu 50 aniversario, o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) deu a coñecer os nomes das persoas gañadoras do seu concurso de vídeo Móvete, destinado a alumnado dos institutos de Galicia e das zonas de fala galega fóra da Comunidade Autónoma para incentivar o uso da lingua galega, así como para dar a coñecer a actividade do propio ILG. Os temas propostos para a creación de pezas audiovisuais foron ‘Móvete co galego’, ‘Conmóvete co galego’ e ‘Promove o galego’.

Na modalidade individual, resultaron premiados os traballos ‘Sete cuncas de galego’ de Lucía Argüelles Valverde (categoría ‘Móvete co galego’), ‘Terra sachada que se levou o vento’ de Miguel Casal Fernández (‘Conmóvete co galego’) e ‘Herdanza’ de Xoel Otero Nogueira (‘Promove o galego’). O premio para o mellor vídeo individual de cada tema consistiu nun teléfono móbil iPhone.  O xurado valorou a calidade e orixinalidade da peza, así como o uso creativo das tecnoloxías e das ferramentas empregadas. Ademais, outorgouse o premio do público a ‘Aprendendo con Vicente Risco’ da autoría de Xavier González Freire, quen recibiu unha tableta por elaborar o vídeo que máis interaccións obtivo en Twitter, Instagram e na canle de YouTube do ILG

Traballos en grupo

Na modalidade de traballos en grupo, foron recoñecidas as obras ‘Nós, movémonos co galego… E ti?’ do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, ‘España gaña Eurovisión cunha canción en galego’ do Colexio Monterrey de Vigo e ‘Falar’ da autoría do Colexio Bilingüe Marcote de Mondariz-Balneario. O premio para o mellor vídeo en grupo de cada tema consistiu nunha videocámara. Os restantes finalistas recibiron un smartwatch (modalidade individual) e un lote de libros (modalidade de grupo).

Este certame está dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, 1º ou 2º de Bacharelato  e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a cadea de supermercados Gadis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2021.