Entregados os premios e aberta a exposición da XIV edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

Os vicerreitores de Coordinación e Cultura do Campus de Lugo, Carlos Herrero e Elías Torres, inauguraron este mércores, na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, a exposición cos traballos presentados á XIV edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, no que participaron un total de 20 persoas.
No acto estiveron tamén, por parte do Convenio Lugo Cultural, organizadora do certame, o delegado provincial da Consellaría de Cultura, Xoán Xosé Molina; o responsable da área de Cultura da Deputación Provincial, Antón Veiga, e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez. Tamén asistiron a vicedecana de Ordenación Académica da Facultade de Veterinaria, Ángeles Moreno, e os fotógrafos Eduardo Ochoa e Carlos Valcárcel.
Serán un total de preto de 60 fotografías, tanto analóxicas como dixitais, as que se poderán ver nesta mostra, que estará en Veterinaria ata o 30 de maio e que posteriormente percorrerá os distintos centros do Campus lugués. As fotografías presentadas ao certame están divididas en dúas temáticas obrigadas pola organización, as nubes e os tellados, e noutra libre.
Durante a inauguración fíxose público o ditame do xurado que acordou conceder o premio na categoría Nubes a Dimas García Solís, pola fotografía ‘Dende enriba sabe mellor’; na categoría Tellados a María Luísa Fernández Moscoso, por ‘Facendo, pintando ...casiñas, tellados, ...’, e na categoría libre a José David Allo Rama, por ‘Bágoas estragadas polo alcol’. Cada un destes premiados recibirá 100 euros e un trofeo.
Ademais, o xurado acordou conceder unha mención honorífica dotada cun trofeo a Héctor Castiñeira López. O premio á película de nivel medio máis alto, dotado con 175 euros e trofeo, foi para María Luísa Fernández Moscoso e o premio Carlos Valcárcel outorgouse a Alberto López Rodríguez. Esta última distinción, que se inclúe este ano por primeira vez, está dotada con 200 euros e trofeo e pretende recoñecer o traballo profesional desta lenda da fotografía luguesa.
Durante o acto, fíxose entrega dunha reproducción a Carlos Valcárcel, ao que está dedicado un dos premios do Maratón, e actuou o grupo de teatro da Residencia de Estudantes Bal y Gay, coa peza ‘Olladas’.