Ir o contido principal

Entregados os Premios á Calidade Lingüística

Foto de familia cos premiados e premiadas. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia cos premiados e premiadas. FOTO: Santi Alvite
Estes galardóns promoven o uso da lingua galega ligada á calidade formal na elaboración e defensa dos traballos académicos do alumnado

O Servizo de Normalización Lingüística da USC entregou este xoves 17 os seus Premios á Calidade Lingüística coa finalidade de promover o uso da lingua galega ligada á calidade formal na elaboración e defensa dos traballos académicos do alumnado. A sesión estivo presidida polo reitor Antonio López e contou coa intervención de Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Novas Tecnoloxías e Sustentabilidade; Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística; e Valentín García Gómez, secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Núñez Singala destacou ao ler a acta do xurado o gran volume de participación ao recibirse preto de 200 traballos.

Traballos Fin de Grao

Na Área de Arte e Humanidades recoñeceuse ex aequo o traballo titulado Toponomástica, documentación histórica e estudo lingüístico: unha aproximación á toponimia maior do concello de Antas de Ulla, dirixido pola profesora Ana Isabel Boullón Agrelo, e escrito pola estudante do Grao en Lingua e Literatura Galegas, Andrea Santiso Arias; así como Un ruído como outro calquera: ontoloxía negativa da música contemporánea, de Sergio Álvarez Vales, do Grao en Historia da Arte e dirixido por Federico López Silvestre. O traballo Derrubando muros con pintura. A arte pública como recurso cultural, turístico e económico en Carballo, de Zaira Caamaño Remuiñán, do Grao en Historia da Arte e dirixido por Miguel Anxo Rodríguez González, recibiu unha mención por parte do xurado.

Na Área de Ciencias o xurado decidiu outorgar o premio ex aequo ao traballo titulado Diagnóstico molecular de diferentes liñaxes clonais de cancro transimisible, dirixido polo profesor José Manuel Castro Tubío, da estudante do Grao en Bioloxía, Andrea Estrella Arias Díaz; e tamén ao traballo titulado Análise mátemática dalgúns modelos de cuantificador borroso, dirixido por Rosana Rodríguez López, e realizado pola alumna do Grao en Matemáticas, Mariña Canabal Juanatey. O xurado decidiu outorgar unha mención ao traballo titulado Test de independencia entre obxectos estatísticos, dirixido polos profesores Wenceslao González Manteiga e Fernando Castro Prado, do estudante do dobre Grao en Matemáticas e Física, Carlos García Meixide. Unha introdución á regresión modal, de Ramón Daniel Regueiro Espiño, do Grao en Matemáticas e titorizado por Rosa María Crujeiras Casais e María Alonso Pena recibiu outra das mencisóns, así como o traballo A conxectura de Andrews-Curtis, de Alba Sendón Blanco, do Grao en Matemáticas e titorizado por Enrique Macías Virgós.

Urxencias toxicolóxicas: epidemioloxía das intoxicacións agudas no Servizo de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, de Manuel José Couce Sánchez, alumno do Grao en Medicina e titorizado por Ana María Bermejo Barrera, foi o traballo premiado en Ciencias da Saúde. Neste mesmo eido, o xurado decidiu outorgar mencións ao traballo titulado O papel do DHA na saúde materno-infantil, dirixido polo profesor Jesús Antonio Casabiell Pintos, e escrito pola estudante do Grao en Nutrición Humana e Dietética, Mireya Castiñeiras Liñares; así como a Prevalencia de síntomas extrapiramidais en pacientes con esquizofrenia en fase crónica institucionalizados de longa estancia, dirixido por Mario Páramo Fernández, e escrito pola estudante do Grao en Medicina, Ronsel Noemí Fernández Suárez; e Historia da anestesia en Galicia, de Uxío Graña Corral, do Grao en Medicina, e titorizado por Julián Álvarez Escudero e Servando López Álvarez.

Na Área de Ciencias Sociais e Xurídicas o xurado decidiu outorgar o premio ex aequo a Eficacia dos programas de intervención educativa no Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade aplicados por mestras e mestres de Educación Primaria: unha revisión, dirixido por Vanessa Blanco Seoane, e escrito pola estudante do Grao en Mestre en Educación Primaria, Andrea Lestegás Fernández; e tamén ao traballo titulado Os residuos de competencia municipal. Análise dende a perspectiva circular, dirixido polo profesor Xavier Vence Deza, e realizado polo estudante do Grao en Economía, Óscar Páramo Telle. Neste mesmo eido, o xurado decidiu outorgar unha mención ao traballo titulado A actual situación dos dereitos e deberes lingüísticos no Estado Autonómico, dirixido pola profesora María Begoña López Portas, e escrito pola estudante do Grao en Dereito, Paula Montero Rodríguez. A outra mención correspondeu a Reportaxe multimedia. O val do Tebra, de Christian Villaverde da Cruz, do Grao en Comunicación Audiovisual e titorizado por Xurxo Salgado Tejido e Alba Silva Rodríguez.

Na Área de Enxeñaría e Arquitectura o xurado decidiu outorgar o premio a Análise enerxética aproximada, dirixido por José Ángel Taboada González, da estudante do Grao en Enxeñaría Informática, Noa Fernández Moreira. Ademais, outorgouse unha mención a Paso de fauna no PK 532+979 da N-6 (Lugo), dirixido por Darío Ferreiro Otero e Manuel Luís Torres Labandeira, da estudante do Grao en Enxeñaría Civil, Carme Freire Balea.

Traballos Fin de Mestrado

Na Área de Arte e Humanidades o xurado decidiu outorgar o premio a A Ensinanza Primaria en Galicia: das Misións Pedagóxicas da Segunda República ao Nacionalcatolicismo do Primeiro Franquismo, dirixido por María Pilar López Rodríguez, e escrito por Noelia Valiño Vázquez, estudante do Mestrado en Servizos Culturais. Ademais, Ecofeminismo, muller e aldea na obra poética de Lupe Gómez, dirixido por María Xesús Nogueira Pedreira, e escrito pola estudante  do Mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura, Paula Antía Rey Baliña, recibiu unha mención do xurado.

Na Área de Ciencias recoñeceuse ex aequo o traballo titulado Novos imáns moleculares de lantanoides, dirixido pola profesora Matilde Fondo Busto, e realizado pola estudante do Mestrado en Investigación Química e Química Industrial, Cristina González Barreira; así como Preparación de Paladaciclos funcionalizados, dirixido polo profesor José Manuel Vila Abad, realizado pola estudante do Mestrado en Investigación Química e Química Industrial, Raquel Diz Gil. 

Proxecto Ateneo: atendendo a quen coida de Eduardo Barbosa Búa, do Mestrado en Psicoloxía e titorizado por Mª Mar Durán Rodríguez, foi o traballo recoñecido en Ciencias da Saúde.

A formación musical non regrada das escolas de música: organización e formación do profesorado de Uxía García Conde, do Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas foi un dos traballos premiados en Ciencias Sociais e Xurídicas. A súa directora é Sara Domínguez Lloria. O outro traballo premiado nesta categoría foi O audiovisual galego nos institutos d e Educación Secundaria: unha ferramenta de ensino e Aprendizaxe de Águeda Penedo López, do Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas, e dirixido por Xesús Ferreiro Núñez. O xurado decidiu tamén outorgar mencións a A figura de Abel Caballero e o seu impacto nas eleccións municipais de Vigo (2007-2019) de Diego García Laranxeiro e dirixido por Natalia Paleo Mosquera, no marco do Mestrado en Marketing, Consultoría e Comunicación Política; De Hipatia de Alexandría ás nenas de hoxe en día, de Clara Manrique Velayo, do Mestrado en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para a Educación Infantil e Primaria e dirixido por Ana Belén Rodríguez Raposo; Relación entre habilidades motrices básicas locomotrices e variables antropométricas: un estudo realizado con alumnado de 1º-3º de Educación Primaria, de Nair Mohedano Vázquez do Mestrado en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria e dirixido por Cristian Abelairas Gómez.

Finalmente, en Enxeñaría, recoñecéronse ex aequo Influencia do Portaenxertos na Infestación por Colomerus vitis (Acari: Eriophydae), de Juan Eiras Carlín, do Máster en Enxeñaría Agronómica e titorizado por Cristina Cabaleiro Sobrino; Efecto da radiación UV-B e da combinación da temperatura e o CO2 sobre a ecofisioloxía dos organismos colonizadores do patrimonio cultural granítico, de Diana Pérez Velón, do Máster en Enxeñaría Ambiental e titorizado por Beatriz Loreto Prieto Lamas; así como Impacto sobre a actividade encimática do solo do líquido iónico nitrato de etilamonio e a súa mestura co sal de alumnio, ambos con posibles usos electroquímicos, de Teresa Sixto Anello, do Máster en Enxeñaría Ambiental e titorizado por Beatriz Loreto Prieto Lamas.

Traballos académicos

Na Área de Ciencias o xurado decidiu outorgar o premio ex aequo ao traballo titulado Prácticas externas no CESGA, titorizado polo profesor Manuel Febrero Bande da alumna de 5º curso do dobre Grao en Matemáticas e Física, Paula Cambeses Franco; e tamén ao traballo titulado Nas fragas da astrofísica, titorizado por Juan Antonio Garzón e Heydt, do estudante de 5º curso do Grao en Física, Carlos García Meixide.

Na Área de Ciencias da Saúde resultou premiado o traballo Historia clínica psiquiátrica titorizado por María Jesús García Álvarez,e realizado pola estudante do 6º curso do Grao en Medicina, Ronsel Noemí Fernández Suárez.

Na Área de Ciencias Sociais e Xurídicas recoñeceuse ex aequo o traballo Traballamos cun texto infantil/xuvenil Os meus beizos nos teus beizos. A Estrada da vida, titorizado pola profesora María del Carmen Ares Vázquez, e realizado polos estudantes do 4º curso do Grao en Mestre en Educación Primaria, Nicolás Luna Puente, Óscar Lozano Lozano e Abel Muñiz Pérez; e tamén o traballo titulado A agresión sexual no anteproxecto de lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual,  titorizado pola profesora María Castro Corredoira, e escrito polo alumno do 2º curso do Grao en Dereito, Andrés Vázquez García.

Na Área de Arte e Humanidades premiouse Interpretacións sobre a arte paleolítica: a teoría xamánica de María Abella Otero, do 4º curso do Grao en Historia. O xurado decidiu outorgar tamén unha mención ao traballo titulado Variación lingüística do galego en 6 persoas do Carballiño, Cea e Maside titorizado polo profesor Xulio César Sousa Fernández, da estudante do 2º curso do Grao en Lingua e Literatura Galegas, Laura Paz Fentanes.

Premios

Os traballos académicos de curso de grao reciben 150 euros; os TFG, 300 euros; mentres que os TFM foron premiados con 500 euros. As mencións honoríficas recibiron diploma acreditativo. O xurado estivo composto polos técnicos de normalización lingüística da USC Manuel Bermúdez Blanco, Xusto Rodríguez Río e Isabel Vaquero Quintela e Manuel Núñez Singala, responsable do servizo.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2022.