Ir o contido principal

Entregados os Premios Fin de Carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2021

Foto de familia cos premiados e premiadas. FOTO: Xunta
Foto de familia cos premiados e premiadas. FOTO: Xunta
Un total de 32 persoas da USC recibiu este recoñecemento que ten como finalidade distinguir o traballo do alumnado máis destacado, incentivado así a excelencia académica como aposta de futuro para Galicia
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor da USC, Antonio López, xunto cos reitores da UDC, Julio Abalde, e da UVigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou este martes 20 no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2021 no Sistema Universitario de Galicia. No acto tamén participou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Un total de 32 persoas da USC recibiu este recoñecemento, que ten como finalidade distinguir o traballo do alumnado máis destacado, incentivado así a excelencia académica como aposta de futuro para Galicia. En total, o Goberno Autonómico distinguiu a 82 persoas das tres universidades públicas galegas.

Do conxunto de premiados e premiadas, o 58%, 48 persoas, son mulleres. Os mellores expedientes distribúense en 56 titulacións nos diferentes campus. Por número de recoñecementos destaca o grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, con catro galardóns. Esta convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta cunha dotación económica de 3.500 euros por estudante, ademais dun diploma acreditativo desta distinción.

Para optar ao premio as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,50 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2022.