Ir o contido principal

Entregados os premios do X concurso estatístico ‘Incubadora de sondaxes e experimentos’

Foto de familia dos vencedores
Foto de familia dos vencedores
Na categoría de 1º e 2º de ESO, resultaron vencedores alumnos do IES Pontepedriña, mentres que na modalidade dirixida a 3º e 4º de ESO e FP Básica, gañou alumnado do IES Cacheiras de Teo; e na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio, venceu unha alumna do IES Arcebispo Xelmírez II
Santiago de Compostela

A Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) entregou na Facultade de Matemáticas os premios correspondentes ao X Concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ para proxectos de estatística e investigación de operacións realizados por estudantes de ESO, FP Básica, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio da Comunidade Autónoma de Galicia. Na décima edición deste certame, presentáronse un total de once traballos.

Na categoría de 1º e 2º de ESO, resultaron vencedores alumnos do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela co proxecto ‘Entre abonos e coles’. O obxectivo deste traballo é descubrir cal é o abono que máis eficacia vai ter nunha plantación de coles. “Para poder responder a esa pregunta empregaremos a análise estatística e os nosos coñecementos de agricultura”, afirman os alumnos participantes. “Para esta investigación deseñamos un experimento no invernadoiro de 50 metros cadrados do IES Pontepedriña, situado na parte de atrás do soar do instituto e no que se imparten as clases de Agricultura Ecolóxica, que os que formamos este grupo estamos cursando”, afirman Aldán Mosquera Trilla, Daniel Iglesias López, Hugo Vidal Pérez, Valentín Giovanni Ferotti e Xián Paredes Diéguez. Este traballo estivo titorizado por Concepción Sieiro Verdura.

Na modalidade dirixida a 3º e 4º de ESO e FP Básica, gañou alumnado do IES Cacheiras de Teo co proxecto ‘Sumando letras’. Analizar a capacidade de comprensión lectora dos/as estudantes ante “textos con trampa” é o obxectivo principal deste proxecto elaborado por Laura Alonso Simón, Sara Castelo Paredes e Alejandra Guimeráns Guillén. Ver se o uso das redes sociais pode influír nesa capacidade, estudar se os hábitos lectores tamén inflúen nesa capacidade, observar a capacidade crítica dos/as adolescentes ante as noticias falsas e saber en que tipo de palabras se fixa a atención nunha lectura rápida dun texto, conforman os obxectivos secundarios dun traballo titorizado por Trinidad Pazos Celis e Olga Simón Cruz

Finalmente, na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio, venceu Uxía Noya García do IES Arcebispo Xelmírez II, tamén de Compostela, co proxecto ‘A fronteira entre o público e o privado na sociedade da rede’. Este traballo analiza os perfís e os contidos que comparten nas redes sociais, a xente nova de entre 12 e 18 anos. “O estudo ten como referente o alumnado do IES Arcebispo Xelmírez II, polo que non é extrapolable á xuventude no seu conxunto, aínda que podería sinalar tendencias da nova realidade social”, explica a alumna gañadora. O traballo estivo titorizado por Mª Pilar Figueroa Vázquez e Ana María Alonso Rodríguez.

Os finalistas da décima edición do concurso na categoría de 1º e 2º de ESO son alumnos do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo), do IES Agra do Orzán (A Coruña) e do IES Mestre Landín (Marín); na categoría de 3º e 4º de ESO, alumnos do CPR Plurilingüe San José (Pontedeume). Asemade, recibirán unha mención especial polos traballos presentados alumnos do IES San Tomé de Freixeiro (categoría de 1º e 2º de ESO).

Xurado

Tal e como está establecido nas bases do concurso, cada proxecto foi revisado de forma independente por tres avaliadores externos, que emiten un informe de valoración. A organización do concurso, en base a estes informes, realizou unha preselección dos proxectos presentados dentro de cada categoría que foron remitidos ao xurado para o seu fallo. Este ano contouse cun total de 14 avaliadores externos.

O xurado desta décima edición do concurso estivo presidido por Covadonga Rodríguez-Moldes Rey do IES de Mugardos, vogal da executiva da SGAPEIO; sendo secretario Javier Tarrío Saavedra da Universidade da Coruña e Vicepresidente de Estatística da SGAPEIO. Como vogais actuaron, Raúl Jácome Rodríguez, do Instituto Galego de Estatística; Indalecio Cabana Leira da Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional; Balbina V. Casas Méndez da USC; e Laura Calaza Díaz do CFR Lugo-Sección Burela. O xurado quixo destacar a calidade de todos os traballos presentados e “recoñecer o esforzo realizado por todo o alumnado e o profesorado á hora de desenvolver estes proxectos nunha situación de emerxencia sanitaria como a que vivimos neste 2020”.

No acto de entrega de premios, estiveron presentes a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; a secretaria xeral da SGAPEIO e investigadora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC, Mª José Ginzo Villamayor e os membros do xurado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2020.