Entregados os premios da Valedora do Pobo a TFG e TFM con perspectiva de xénero

O Traballo Fin de Grao (TFG) ‘Aunque cueste respirar: estudio del amianto con perspectiva de género’ de Sara González Veiga e o Traballo Fin de Mestrado (TFM) ‘O movemento Feminista Organizado en Galicia (1975-1983)’ de Raquel Fernández Reguera son as investigacións da USC premiadas no marco da segunda edición dos premios que a Valedora do Pobo impulsa en materia de perspectiva de xénero. O acto de entrega desenvolveuse este luns 18 e contou coa presenza do reitor Antonio López.
Sara González Veiga aborda a discriminación no ámbito da seguridade e saúde no traballo, e evidencia a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero logo de investigar o caso concreto dos efectos adversos do amianto nas mulleres. Este TFG refírese tanto ás traballadoras como ás familiares de traballadores afectados. Investiga as circunstancias dun colectivo tan reducido que adoita non ser estudado, ignorando patoloxías eminentemente femininas como o cancro de ovarios que aínda non está entre as enfermidades profesionais causadas polo amianto, tal e como explica a autora.
Pola súa parte, Raquel Fernández Reguera afondou na evolución do movemento Feminista Organizado en Galicia dende 1975, declarado Ano Internacional da Muller pola ONU, ata 1983, cando se crea o organismo gobernamental estatal denominado na actualidade como Instituto de las Mujeres. Ademais, nesta época, aparecen en Galicia dúas revistas feministas referenciais neste ámbito: Andaina e Festa da palabra silenciada. O TFM profunda nos antecedentes do movemento, xermolo da mobilización posterior relacionada coas transformacións sociais e culturais na fin do franquismo.
Nesta convocatoria, tamén resultaron premiadas as alumnas da UDC Manuela Ángela Blanco Suárez polo TFG ‘Ser coidadora átate: desafíos ocupacionais de mulleres coidadoras do rural galego durante a pandemia da COVID-19’ e Ana Feijóo Rodríguez polo TFM ‘A muller no deporte: estereotipos, valores e logros. Un estudo de caso de mulleres deportistas en halterofilia’. Os premios teñen unha dotación económica de 1.000 euros e a publicación no espazo Falamos de Feminismo da web da Valedoría do Pobo.
Ademais do reitor Antonio López, interviñeron no acto a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño; María Jesús Lorenzana Somoza, conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e Julio Abalde, reitor da UDC, institución que acolleu o acto de entrega.
A Valedoría do Pobo, en colaboración coas tres universidades galegas, convocou a segunda edición estes galardóns coa vontade de premiar traballos que destaquen polo seu elevado valor en materia de igualdade e dereitos das mulleres, así como lidos, defendidos ou xulgados e aprobados, segundo proceda, ante calquera universidade do SUG durante o curso académico 2020/21.