Entregados os premios Xuventude Crea nas modalidades de fotografía e artes plásticas

Un total de quince obras na especialidade de fotografía e catorce na especialidade de artes plásticas —unha escultura e trece pinturas— integran a exposición de obras finalistas no certame Xuventude Crea que dende este venres pode visitarse na Igrexa da Universidade. No acto inaugural, déronse a coñecer as obras premiadas nas distintas modalidades.
En artes plásticas, o primeiro premio foi para María García Fernández de Pontevedra por ‘Fragmentos de una erosión’. O segundo galardón recaeu en Oliver Alonso Fernández de Vigo, coa escultura ‘We are all alike’; mentres que os dous terceiros premios recoñeceron a Alejandro Reiriz Pouseu de Bueu con ‘Galicia esperta e herbas ledas’, e a Alejandro Vázquez Tomé de Vigo pola obra ‘Quería traerte flores’.

En fotografía, o primeiro premio foi para Andrés González Seara de Ourense pola obra ‘Spectra’. Rocío Campoy Lage de Vigo pola obra ‘Berros’ e Adrián Vázquez Rodríguez de Lugo por ‘Diversas’ recibiron o segundo premio. O terceiro recoñeceu a Claudia Valentina Feijóo Díaz de Sada por ‘Mares doutros’ e a Hadrián Márquez de A Coruña con ‘Pare’. Ademais, concedeuse unha mención de honra a David García Villaverde, tamén de A Coruña, por ‘O patio do monxe’.

Nesta edición de 2021, presentáronse un total de 79 obras na especialidade de fotografía e 58 obras na especialidade de artes plásticas —45 pinturas e 13 esculturas—, o que supón a participación de 137 persoas mozas, 81 mulleres e 56 homes residentes en Galicia, non profesionais e con idades comprendidas entre os 16 e os 30. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, tomou parte na sesión xunto á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil. “Este é un proxecto que nos vincula coa xente moza do país e co seu talento”, subliñou a vicerreitora, mentres que Pichel Toimil puxo o foco en que Xuventude Crea conforma “unha plataforma para a escena artística da xuventude galega”.
Obras finalistas
En pintura, a listaxe está integrada por Julio Catalán Rubinos (Ribeira) coa obra ‘Arquipélago’, Nicolás Vázquez Ben (Vigo) coa obra ‘A velada literaria’, Roque Piñeiro Vieira (Santiago de Compostela) con ‘Da cidade ilexible ao rural ficcional’, Sabela Rodrigues Ferreiro (Ponteareas) con ‘De corpo presente’, Rebeca López Villar (Vigo) coa obra ‘De las tareas de Penélope’, Andrea León González (Ourense) con ‘Idealización dun prognóstico difuso’, Noa Rodríguez Méndez (Oroso) con ‘Maquetas do territorio’, Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela) con ‘Rumor de fuga’, Sara Piñeiro Fernández (Santiago de Compostela) con ‘The daily me’ e Ana María Cabanes Fontao (Bergondo) con ‘22 de la serie Kòsmos’.
Finalmente, na modalidade de fotografía, os e as creadoras finalistas foron Alva Vidal Capón (Tui) con ‘Fértil’, Sara Incera Martín (Santiago de Compostela) con ‘Humidade’, Olaya Rodríguez Pérez (Verín) con ‘Imaxinario de corentena’, Adrián González Salgueiro (Verín) con ‘Meridiano’, Oliver Alonso Fernández (Vigo) con ‘Realidade aumentada’, David Torrado Alfonso (Vilanova de Arousa) con ‘Tempestade’, Andrea Domínguez Torres (Marín) con ‘Volaré bien’, Marta Rodríguez Cacheda (Cambre) con ‘Wicca’ e María Feijoo Sanmartín (Pontevedra) con ‘X-posed dolls’.
Trampolín
O programa Xuventude Crea que neste ano 2021 cumpre doce anos, é un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación. Esta iniciativa pretende actuar como estímulo económico para a mocidade, pero ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer estes novos talentos e as súas obras nun amplo abano de especialidades, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable.
Os premios en metálico para cada especialidade constitúen un estímulo económico para a mocidade: 3.000 euros o primeiro premio, 1.500 o segundo premio e 1.000 o terceiro premio. Pola calidade das obras, poden outorgarse mencións de honra, sen dotación económica. A mostra da Igrexa da Universidade permanece aberta ao público, con todas as medidas de seguridade, ata o venres 26 de novembro, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas, pola mañá, e de 17.00 a 20.30 horas, pola tarde.
