Entréganse os Premios Valentín Paz Andrade e Jesús García Calvo
O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acollerá este mércores 20 ás 12.30 horas o acto de entrega da segunda edición dos Premios Valentín Paz Andrade e Jesús García Calvo que convoca o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC en colaboración co Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) e con Feiraco, respectivamente.
O acto, que presidirá o reitor Juan Viaño e no que participarán ademais a presidenta do CES, Corina Porro, e o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez, dará comezo cunha conferencia do profesor da USC Francisco Sineiro sobre o futuro do mundo rural.
Logo do relatorio terá lugar a entrega dos premios Jesus García Calvo en investigación en desenvolvemento rural e cooperación. Primeiro será Diego Conde Gómez quen o faga na modalidade de textos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas polo traballo ‘Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea’, e a el seguiranlle Álvaro García Corral pola súa tese ‘Análisis y tipificación de explotaciones de bovino de carne en Galicia mediante un método de control basado en lógica difusa’ e Diego Fernando Avendaño Cantor polo traballo ‘Programas agroambientales e impacto territorial en la provincia de Lugo‐Galicia.
A continuación, André Carrascal Incera e Melchor Fernández Fernández recollerán o seu Premio ‘ Valentín Paz Andrade’ en investigación en economía de Galicia polo traballo ‘Tourism and income distribution: Evidence from a developed regional economy’ publicado en Tourism Management (2015).