Ir o contido principal

Entregáronse os premios do I Certame Artístico ‘Apaga unha luz, acende unha estrela’

De esquerda a dereita, de pé: Jorge Prieto en representación de Beatriz López, Manolo Boquete, Noelia López, Mireia Lareo, Josefina F. Ling, Lucía Giráldez, Salvador Bará e Juan Monterroso....
De esquerda a dereita, de pé: Jorge Prieto en representación de Beatriz López, Manolo Boquete, Noelia López, Mireia Lareo, Josefina F. Ling, Lucía Giráldez, Salvador Bará e Juan Monterroso....

O colectivo Calidade do Ceo composto por bolseiros da Oficina do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC entregou este xoves no Paraninfo da Universidade os premios do seu concurso artístico ‘Apaga unha luz, acende unha estrela’. A acción forma parte das Comunidades en Transición postas en marcha recentemente pola USC. O primeiro premio consistente nun telescopio e un lote de libros correspondeulle a Isaac Vázquez Barro, mentres que o segundo, dotado do lote de libros e unha cea degustación para dúas persoas no Garum Bistró, recaeu en Beatriz López Giráldez. Os accésit (xogo de prismáticos e lote de libros) foron para Roque Lazcano Vázquez e Adriana Figueiras Duarte. No acto, que serviu de peche dunha serie de actividades desenvolvidas ao longo do curso académico en torno á concienciación contra a contaminación lumínica e a prol do aforro enerxético, salientouse a importancia deste tipo de propostas de divulgación, participación e sensibilización ambiental que afianzan o compromiso de responsabilidade social que a USC adquiriu co fin de transitar cara a unha universidade sustentable e sostible. O acto inaugurouno o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso, membro do xurado ao igual que Salvador Bará e Josefina Ling, que tamén asistiron. Estaban presentes tamén, entre outros, os bolseiros Cristina Rivas, Lucía Giráldez e Víctor Tilve, a voceira do Plan de Desenvolvemento Sostible Noelia López e representantes de varias das empresas colaboradoras como Manolo Boquete, do Garum Bistró, e Mireia Lareo, de Unitenda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2011.