O enxeñeiro de Camiños Daniel Núñez analiza na EPS as tarefas de conservación de estradas e a redución de accidentes viarios

O xefe do Servizo da delegación da Axencia Galega de Infraestruturas en Ourense, o enxeñeiro de Camiños lugués Daniel Núñez Otero, falou na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo sobre as funcións, a estrutura e os procedementos de actuación da Axencia Galega de Infraestruturas no ámbito das estradas da rede autonómica.
Núñez Otero, que, no marco do ciclo de actividades organizadas para conmemorar os dez anos da implantación da titulación de Enxeñaría Civil na USC, ofreceu o relatorio ‘A explotación de estradas da rede autonómica. Obras de conservación e seguridade viaria’, centrou boa parte da súa intervención nas “tan necesarias” obras de conservación e seguridade viaria, unhas actuacións que, segundo indicou, teñen como obxectivo manter os niveis de servizo das infraestruturas viarias, así como a redución de accidentes nas estradas. Daniel Núñez, quen accedeu á Administración autonómica logo de ter acumulada unha ampla experiencia en empresas construtoras e de consultoría relacionadas coa execución de obras de infraestruturas viarias e de saneamento, lembrou a estudantes do grao de Enxeñaría Civil que a Axencia Galega de Infraestruturas comezou a a súa actividade hai pouco máis de dous anos, concretamente en xaneiro do 2012. As funcións deste ente público de carácter autonómico, que tamén aparecen recollidas nos seus estatutos, pasan por planificar, proxectar, construír, conservar e explotar as estradas que sexan de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os servizos que se poidan instalar ou desenvolver nas ditas infraestruturas. Tamén ten por obxecto garantir o uso e defensa do patrimonio viario, sinalou.