Ir o contido principal

Un enxeñeiro de Montes formado no Campus Terra da USC obtén unha bolsa de La Caixa para estudar na Universidade de Yale

Óscar Crespo, nunha imaxe nos Alpes
Óscar Crespo, nunha imaxe nos Alpes
Óscar Crespo Pinillos, egresado da Escola Politécnica Superior en 2015, é o único titulado da USC que figura entre os 120 bolseiros da última convocatoria de La Caixa

O enxeñeiro de Montes formado na Escola Politécncia Superior do Campus Terra da USC Óscar Crespo Pinillos vén de acadar unha das 120 bolsas outorgadas por La Caixa a titulados universitarios españois para completar estudos de posgrado no estranxeiro

Crespo Pinillos, que é o único titulado da USC que resultou seleccionado en réxime concorrencia competitiva na convocatoria de 2015 de bolsas de La Caixa, aproveitará esta bolsa para cursar un máster de dous anos de duración na universidade estadounidense de Yale, onde ten previsto comezar xa no mes de agosto un máster en administración medioambiental. “A miña intención e cursar a especialidade de Negocios e Administración, a fin de poder ter así unha perspectiva internacional de cómo se move o sector forestal”, dixo Crespo Pinillos, ao tempo que precisou que “escollín este programa pola gran relevancia e tradición que ten Yale no eido medioambiental e pola enorme perspectiva internacional que ofrece este máster. Outra das razóns pola que me decantei por facer este máster vén dada polo feito de que se trata dun programa académico que é moi flexible e que permite cursar e estudar disciplinas impartidas en calquera das facultades da Universidade de Yale, engadiu este enxeñeiro de Montes nado na Rioxa que recalou en 2013 na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC para completar os dous últimos cursos da Enxeñaría de Montes. Durante a súa estadía na sede universitaria luguesa, da que garda un moi bo recordo, por tratarse dun campus universitario moi acaído para o seu ámbito de estudo, Óscar Crespo xa participou nun programa de intercambio académico coa Universidade de Maine, onde completou unha estancia durante varios meses. Respecto dos seus obxectivos profesionais que prevé satisfacer coa realización deste posgrao en Yale, Crespo Pinillos sinalou que agarda que esta nova experiencia universitaria en norteamérica lle permita obter unha visión en profundidade sobre a xestión de recursos naturais desde una perspectiva internacional tanto a nivel de políticas como de empresas e mercados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2016.