Ir o contido principal

Os enxeñeiros Patricia Carril e Jacobo Melchor falarán o venres na EPS das obras de execución da nova ponte sobre o río Miño

Cartaz anunciador do relatorio sobre a nova ponte do Miño
Cartaz anunciador do relatorio sobre a nova ponte do Miño
O relatorio, encadrado no ciclo conmemorativo dos dez anos de Enxeñaría Civil na USC, desenvolverase a partir das 19.00 horas no salón do actos do centro universitario

A enxeñeira de Camiños Patricia Carril Méndez e o enxeñeiro técnico en Obras Públicas, Jacobo Melchor López, que formaron parte do equipo técnico da empresa FCC Construcción que levantou a nova ponte sobre o río Miño en Lugo, ofrecerán este venres 4 de abril, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior, o relatorio ‘Nova ponte sobre o río Miño’.

A Xefa da Oficina Técnica e o Axudante de Produción do equipo de FCC Construcción no momento da execución das obras, falarán na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo sobre as distintas actuacións que incluía o proxecto da Nova Ponte sobre o Río Miño, e centrarán as súas intervencións especialmente no método de montaxe do tramo metálico sobre o río Miño. Ademais de facer unha pequena análise das distintas estruturas que conectan a ponte cos viais existentes e das mínimas afeccións ao tráfico da estrada Nacional VI, orientarán a súa exposición ao proceso de montaxe do tramo metálico con arco parabólico que une ambas marxes do río, así como das dificultades atopadas inicialmente para a execución do proxecto desta nova ponte. Esta nova infraestrutura viaria permite á cidade de Lugo contar cun acceso para o tráfico rodado deseñado para atender as necesidades reais e futuras sen condicionar o patrimonio histórico que constitúe a antiga ponte romana, hoxe en día restrinxida á circulación de vehículos. Os dous enxeñeiros, que coinciden en destacar a importancia da implicación de todos os membros do equipo para acadar os obxectivos marcados, subliñan a aceleración das obras e a satisfacción do cliente como dous dos resultados máis destacados. A obra foi inaugurada en xuño de 2011, acadando unha redución no prazo de execución de 9 meses sobre a data prevista e mantendo os parámetros de calidade e seguridade que caracterizan ás obras de FCC Construción.

O relatorio, dirixido especialmente ao estudantado de Enxeñaría Civil, así como a titulados/as xa egresados/as da EPS, está tamén aberto á participación de todo o público interesado nesta temática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.04.2014.