Ir o contido principal

A EPS acolle este xoves unha nova xornada de spin-off universitarias

O programa Uniemprende da Universidade de Santiago celebrará este xoves 12 unha nova xornada de Spin-off universitarias, na que se analizarán as empresas que se constitúen a iniciativa dos membros da comunidade universitaria e que explotan os coñecementos e as tecnoloxías xeradas nos traballos de investigación realizados na propia universidade.
Estas xornadas terán lugar a partir das 11:00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior. Darán comezo cunha exposición sobre a creación das empresas de base tecnolóxica en universidades. Roberto Graña Escalante, da coordinación do programa Empresa-Concepto, será o encargado de falar deste tema incidindo no apoio á creación de spin-offs na universidade e no programa que dirixe.
Continuará a intervención de Santiago López González, responsable económico de Unirisco Galicia SCR, que falará do financiamento das spin-offs. Na xornada estarán presentes tamén o director da EPS, Javier Bueno, e o técnico de Creación de Empresas da USC-Campus de Lugo, Pablo Fontela.
Estas xornadas están dirixidas a todas aquelas persoas interesadas, pero en especial a profesores, investigadores e persoal de terceiro ciclo. A convocatoria é aberta polo que non é necesario inscribirse.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2008.