Ir o contido principal

A EPS celebra este mércores a segunda xornada sobre o mundo rural galego

A Escola Politécnica Superior de Lugo analizará este mércores 15 diversas cuestións sobre a realidade rural galega nunha mesa redonda enmarcada no programa de encontros ‘O mundo rural galego a debate’.
A xornada, que comezará ás 16:00 horas no centro lugués, ten como obxectivo modificar a imaxe e a visión negativa que o alumnado da USC e os futuros profesionais do ámbito poidan ter sobre o rural e a agricultura, baseándose tanto nos contidos académicos como na experiencia que trasladarán distintos axentes e colectivos vinculados a esta realidade.
Así, a mesa redonda terá como tema central as ferramentas institucionais de intervención no rural, con Francisco Ónega, xerente de Bantegal; Fernando Veiga, subdirector de Relacións cos Grupos de Acción Local de Agader; e Antonio Meixide, profesor do Centro de Capacitación Agraria de Guísamo e asesor en materia forestal da Consellería do Medio Rural, que describirán o funcionamento destes instrumentos deseñados para mellorar o nivel de desenvolvemento económico e social das áreas rurais galegas.
Dentro deste programa está prevista para o 13 de maio unha terceira mesa redonda, na que se fará unha achega de diferentes experiencias empresariais que se desenvolveron con éxito en varias zonas rurais de Galicia. Participarán nesta mesa representantes da Casa Grande de Xanceda e das cooperativas Irmandiños e Monte Cabalar.
Esta xornada está organizada polos departamentos de Historia Contemporánea e de Economía Aplicada, Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.04.2009.