Ir o contido principal

A EPS dispón xa dunha nave na finca de prácticas permanente de Sanfiz para gardar maquinaria e apeiros usados nas prácticas

Javier Bueno Lema, Juan Casares, Pedro García Herradón e Pablo Ramil, diante da nave edificada na finca de prácticas de Sanfiz
Javier Bueno Lema, Juan Casares, Pedro García Herradón e Pablo Ramil, diante da nave edificada na finca de prácticas de Sanfiz
O remate das obras desta demandada infraestrutura permitirá liberar para laboratorios espazos do centro universitario agora ocupados por estas ferramentas

A Escola Politécnica Superior de Lugo ve ampliadas as súas infraestruturas logo de que a empresa Tragsa finalizara a primeira fase das obras de construción dunha nave na nova finca permanente de prácticas da que poderá dispor, por un período de 50 anos, o centro universitario no veciño barrio de Sanfiz, a menos de 500 metros das aulas da EPS.

Esta nova instalación para usos universitarios xa está apta para a súa utilización, segundo salientou o director da EPS, Javier Bueno Lema, quen precisou que a nave, de planta baixa e cunha superficie cuberta de preto de 1.000 metros cadrados, tamén está dotada de subministro de servizos básicos como son a auga ou a luz. “As instalacións xa están completadas e se aínda non están en funcionamento é por cuestións de mera burocracia administrativa”, engadiu Bueno, ao tempo que cualificou de “moi boa nova para o centro” a inmediata disposición dunha nave de almacenaxe á que de seguido se trasladarán as máquinas e apeiros que agora están noutras dependencias da escola ou mesmo nos concesionarios e talleres onde foron adquiridas ou se levaron a reparar, dixo Bueno. As obras de construción da primeira fase da nave de acubillo de maquinaria e material da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, unha infraestrutura proxectada hai xa varios anos pero que non se fixo realidade ata a actualidade, esixiron unha inversión aproximada de 240.000 euros, unha partida económica sufragada con cargo aos orzamentos da Universidade de Santiago. Javier Bueno adiantou que esta nova infraestutura universitaria, que xa está operativa, aínda está pendente dunha segunda fase de actuación. Os traballos programados desta nova intervención atinxirían á dotación e arranxo da zona de baños e aseos do persoal universitario encargado da coordinación e supervisión das prácticas do estudantado, ademais de contemplar tamén a adecuación dunha pequena aula de traballo para uso do estudantado e mesmo dos docentes. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, acompañado do vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e do adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil, ademais do director da EPS, supervisaron esta semana o remate das obras desta nova edificación universitaria, unha nave cuxo proxecto inicial, que contemplaba unha estrutura en dúas plantas, experimentou notables modificacións en aras a mellorar a funcionalidade das instalacións e tamén por mor da necesidade de reducir os custos. Nesta visita á finca de prácticas da EPS na que se atopa a nave para acubillar as máquinas, apeiros e demais ferramentas empregadas para o desenvolvemento das prácticas do alumnado matriculado nas enxeñerías e nos graos ofertados neste centro universitario lugués (Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Xeomática e Topografía), os responsables académicos tamén puideron comprobar as múltiples posibilidades que oferta a nova finca de prácticas de Sanfiz.

Esta parcela, cunha superficie aproximada de 10.300 metros cadrados, antóllase como un perfecto laboratorio de campo onde o estudantado pode levar a cabo non poucos ensaios prácticos. Ademais desta finca, a Escola Politécnica Superior de Lugo tamén aproveita como fincas para as prácticas do seu alumnado, parte dos xardíns da contorna do centro e outras parcelas da valgada do campus de Lugo emprazadas nas inmediacións da sede do Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural. Estes emprazamentos, non dispoñen, sen embargo, segundo constatou o director da EPS, dos mesmos servizos cos que conta a parcela de Sanfiz, o que condiciona as súas posibilidades de aproveitamento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2013.