A EPS divulga a tecnoloxía e as aplicacións da impresión en 3D coas sesións informativas e obradoiros do ‘3DPrinting Day’

A celebración do 3DPrinting Day, un programa lúdico e divulgativo da tecnoloxía e das aplicacións da impresión en 3D organizado co gallo do Día Internacional da Impresión converteron este xoves a entrada da cafetería da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC nun improvisado foro tecnolóxico polo que pasou numeroso público ao longo de toda a xornada.
O obxectivo desta celebración, organizada e promovida polo equipo de dirección da EPS, o programa A Ponte do campus de Lugo, a profesora Rosana Guerra Pestonit e os tamén docentes e investigadores Mariluz Gil Docampo e Juan Ortiz Sanz, do grupo USCAN 3D da USC, non é outro que o de achegar a tecnoloxía da impresión en 3D e dar a coñecer as súas múltiples aplicacións e utilidades a toda a poboación interesada. Desde primeira hora da mañá e ata as 19.00 horas, todas as persoas que pasaron polas dependencias da Escola Politécnica Superior onde se instalaron os promotores do 3DPrinting Day, tiveron a ocasión de ver en directo como traballan as impresoras 3D, ademais de recibir ampla información respecto das aplicacións prácticas da impresión 3D para a docencia e a investigación, así como para o desenvolvemento da actividade profesional de todas as titulacións que oferta USC no seu campus de Lugo. O profesor da USC Juan Ortiz Sanz destacou neste senso as múltiples utilidades que presenta a impresión en 3D, xa que se trata dunha tecnoloxía accesible e que cada vez resulta máis empregada para moi diversos campos, desde a fabricación de pezas para a automoción ou aeronáutica, patrimonio, xeomática, tecnoloxía de alimentos e culinaria, aplicacións veterinarias, enxeñaría, deseño, medicina...
Ortiz salientou asemade o éxito de público recibido nesta primeira edición do 3DPrinting Day, unha iniciativa aínda en fase incipiente e na que se empregaron dispositivos máis ou menos sinxelos cuxo uso xa se está a xeneralizar nos distintos centros educativos preuniverstiarios. Ademais, todas as persoas que participaron nos talleres programados foron obsequiados cun logo da USC impreso en 3D.
Participantes nas actividades programadas no '3DPrinting Day'