Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría avaliará efectos agronómicos e nutricionais de leguminosas nunha parcela experimental en Castro de Rei

Investidagadores da USC co director da granxa Gayoso-Castro e da integrantes da empresa 3edata, na superficie que acubillará a futura parcela de ensaio
Investidagadores da USC co director da granxa Gayoso-Castro e da integrantes da empresa 3edata, na superficie que acubillará a futura parcela de ensaio
O estudo da aptitude forraxeira destas especies é unha das accións ligadas á Granxa Experimental do Campus Terra no proxecto de innovación europeo SmartAgriHubs
Lugo

Investigadores do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC habilitarán na finca Gayoso-Castro de Castro de Rei unha parcela de ensaio para estudar e avaliar os efectos agronómicos e nutricionais de catro especies de leguminosas perennes ao tempo que se testará a súa aptitude forraxeira para o seu emprego en alimentación animal.

Esta actividade de carácter experimental está ligada á futura posta en marcha da Granxa experimental do Campus Terra da USC, unha nova instalación proxectada na finca Gayoso-Castro, propiedade da Deputación Provincial de Lugo, e que, entre outras función, tamén dará soporte a actividades de docencia e I+D+i, ao tempo que servirá como centro de demostración, experimentación e innovación acaído para o desenvolvemento do tecido produtivo da súa contorna, segundo se deriva da inclusión da futura granxa experimental no proxecto de innovación europeo SmartAgriHubs, unha actuación liderada pola Universidade de Wageningen e incluída na estratexia europea Horizon 2020.

Unha das accións a desenvolver no marco deste proxecto é precisamente a posta en marcha dunha parcela de ensaio, unha superficie de cultivo na que está previsto sementar a comezos de outono varias leguminosas perennes co fin de testar a súa aptitude como forraxe de calidade para o gando vacún de leite. Os investigadores da EPS de Enxeñaría da USC implicados neste proxecto xa realizaron unha primeira visita á finca Gayoso-Castro, no municipio de Castro de Rei, para seleccionar os terreos nos que se farán os ensaios futuros. O director da granxa Gayoso-Castro, Miguel Ángel Fernández López, acompañou ao grupo de investigadores da USC nesta visita, na que tamén participou a empresa de asesoría medioambiental e teledetección 3edata.

A actuación proxectada nesta parcela contempla a avaliación agronómica e nutricional de catro especies de leguminosas perennes para o seu emprego en sistemas de alimentación animal de baixo custe baseados no uso de forraxes. O grupo de investigadores, entre os que se atopa Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, usarán para o seu traballo drons, cos que farán varios voos programados sobre a superficie en ensaio, a fin de efectuar un seguimento sobre a evolución dos cultivos e acadar así a información necesaria para a posta a punto dun modelo para estimar o seu grao de desenvolvemento.

A introdución neste estudo de leguminosas alternativas ao trevo branco como o lotus e a esparceta contribuirá a controlar os problemas de timpanismo que poden aparecer nos animais e a reducir as posibles perdas de amonio nos ouriños e a produción de gases de efecto invernadoiro debido a un incremento na proteína non degradable no rume.

Os resultados acadados neste ensaio estarán encamiñados á súa transferencia directa ao sector gandeiro galego, a fin de contribuír así a unha mellora na sustentabilidade ambiental das explotacións e un abaratamento nos custes de alimentación do rabaño. De feito, un dos cometidos deste proxecto é o de achegar ao sector tecnoloxías innovadoras coas que mellorar o manexo das granxas, ademais de poñer ao seu alcance novas ferramentas propias da era dixital.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2020.