Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría bota a andar o proxecto ‘Aterra!: o futuro no agro’ co obxecto de impulsar o emprendemento agrario

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo
A vicerreitora Montserrat Valcárcel presenta este xoves, ás 16.00 horas, a iniciativa posta en marcha en colaboración co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE)do campus de Lugo da USC bota a andar este xoves, ás 16.00 horas, no salón de actos do centro, o proxecto ‘Aterra!: o futuro no agro’, unha iniciativa orientada a impulsar o emprendemento agrario entre a mocidade, amén de poñer en contacto a distintas xeracións de produtores agrarios . O programa ‘Aterra!’, que conta con financiamento da EPSE con cargo ao XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, é unha iniciativa impulsada desde o centro universitario lugués xunto co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Coita) de Lugo e o Grupo de Innovación Docente Ruralia da USC. que conta con financiamento da EPSE.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presentará esta nova acción de valorización do campo e da actividade agraria no marco dunha sesión na que tamén intervirán o director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, e o presidente do Coita Lugo, Marcos Vázquez. Unha vez rematada a quenda de intervencións deste acto de benvida, o profesor ad honorem da USC Francisco Sineiro, ofrecerá un relatorio centrado na situación actual e nas perspectivas de futuro do sector agrario galego.

O programa da xornada continuará de seguido cunha mesa de debate sobre o traspaso xeracional no sector, na que intervirán como relatores Xosé García, produtor e transformador de leite ecolóxico; Vanesa Carro, produtora de leite; Eva González, produtora e transformadora de froitos do sabugueiro, e Marcos Vázquez produtor de bovino de carne e de mazá de sidra.

O obxectivo último deste proxecto pasa por contribuír a que a incorporación á actividade agraria sexa contemplada como unha opción laboral por parte do alumnado do Campus Terra da USC, segundo mantén o Grupo de Innovación Docente Ruralia, que conta co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Coita) de Lugo para trasladar á cidadanía ilusións renovadas e ampla información sobre as posibilidades laborais e profesionais que ofrece o sector agrario.

O Coita de Lugo será precisamente o encargado de exercer de mediador nun proxecto, que, entre outros cometidos, pretende servir de ponte para conectar distintas xeracións de gandeiros e agricultores, a fin de facilitar o traspaso de negocios ou incentivar a volta das novas xeracións aos negocios agrarios. Para cumprir este cometido, o Coita de Lugo habilitará un número de teléfono e un enderezo electrónico, a través dos que as persoas interesadas poderán solicitar información ao respecto.

Actos do Día da Terra

A presentación do programa ‘Aterra!: O futuro no agro’ encádrase no marco das actividades promovidas pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC co gallo do Día da Terra, unha efeméride celebrada o pasado luns 22 de abril e que coincide coa festividade do patrón do centro universitario lugués.

O programa de actividades organizado pola dirección do centro e a delegación de estudantes da EPSE co gallo da celebración desta efeméride estenderase durante toda a xornada, desde as 9.30 horas ata pasadas as 20.00 horas. A xornada comezará coa proxección do documental ‘Cambio climático, ¿que futuro nos espera?’, ás 9.30 horas, na FullDome Space instalada no seminario 3 do pavillón III da EPS de Enxeñaría, onde se ofrecerá un novo pase en quenda de tarde, ás 16.00 horas. Asemade, o edificio da ampliación da EPS de Enxeñaría acollerá a mediodía un mercado de produtos ecolóxicos.

Logo da presentación do proxecto ‘Aterra!: O futuro no agro’, a oferta lúdica da xornada continuará na EPSE coa celebración de campionatos de dardos, futbolín, unha sesión de Escape Room no local da Delegación de Estudantes da EPS de Enxeñaría e mesmo cunha sesión de cata e introdución á elaboración de cervexa artesá.

A participación nalgunha destas actividades require de inscrición previa. As persoas interesadas poden solicitar máis información ao respecto e apuntarse en calquera das actividades de balde a través do número de teléfono 982 823011, no enderezo electrónico eps.secretaria.direccion [at] usc.es (eps[dot]secretaria[dot]direccion[at]usc[dot]es) ou nas listas dispostas nas aulas, na cafetería do centro, e na Delegación de Estudantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

Os actos conmemorativos do Día da Terra e da Festividade da EPS de Enxeñaría rematarán á noitiña cunha sesión de música ao vivo que comezará arredor das 20.00 horas, nas inmediacións da cafetería do centro universitario lugués.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2019.