A EPS de Enxeñaría egresa as primeiras promocións do dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Forestal

O ferrolán Jorge Prieto Vilaboa acaba de converterse no primeiro alumno que completa a formación do dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agrolimentario e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural impartido na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, “unha titulación intensa e moi esixente, que achega unha visión ampla da realidade agroforestal”.
Prieto Vilaboa, que na actualidade está a cursar o máster en Enxeñaría Agronómica, porque “sempre me sentín máis atraído polo ámbito agrario que polo forestal”, completou este primeiro chanzo da formación universitaria logo de superar con éxito a presentación dos dous traballos de fin de grao, un sobre a rehabilitación da ruta de sendeirismo de Xubia, no concello de Narón, e outro sobre a metaxenómica e o valor nutricional das leguminosas.
Un lustro depois de comezar a súa andaina universitaria na EPS de Enxeñaría de Lugo, Jorge Prieto Vilalboa, considera “un acerto” a articulación do dobre grao na USC en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, posto que “este título permite acadar unha formación complementaria e interdisciplinar que amplía o abano de posibilidades de acceso ao mercado laboral”.