A EPS de Enxeñaría participa na Ribeira Sacra nunha xornada de transferencia de viticultura no marco do proxecto RisKAquaSoil

O grupo de investigación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC Proxectos e Planificación (Proepla) participa este mércores, a partir das 10.30 horas, nas instalacións de que dispón a adega Revina Viarum en Doade (Sober), nunha xornada de transferencia de viticultura organizada ao abeiro do proxecto Interreg Atlántico RiskAquaSoil, unha iniciativa que conta con financiamento de fondos europeos e orientada a desenvolver un plan integral para a xestión de riscos eficiente e unha maior capacidade de recuperación nas áreas rurais do Atlántico.
As actuacións realizadas en Galicia no marco deste programa europeo están centradas na transferencia de estratexias para a conservación dos soles e a auga nos viñedos, a fin de acadar un uso eficiente da rega e do control dos riscos de erosión. Daquela, o obxectivo desta xornada de transferencia, no marco da que se presentarán e debaterán os resultados dos diversos ensaios xa realizados no marco deste proxecto, pasa por transferir e trasladar aos viticultores presentes novos coñecementos sobre o manexo dos solos e da agua en prácticas de viticultura.
A xornada de transferencia comezará cunha presentación do proyecto Interreg Atlántico RiskAquaSoil, a cargo do director da Asociación Climatolóxica da rexión central e suroeste de Garona (ACMG) , Jean François Berthoumieu. De seguido, algúns investigadores implicados nesta actuación afondarán sobre as estratexias de control de solos e auga en viñedos galegos coa presentación dos resultados dalgúns dos proxectos xa realizados. Nesta quenda de presentacións intervirán como relatores Diego Intrigiolo e José Manual Mirás, do Cebas-CSIC, de Murcia, e o profesor da EPS de Enxeñaría e investigador do grupo Proepla da USC Javier J. Cancela.
Unha vez rematada a quenda de relatorios programados e tralo posterior debate dos resultados presentados no marco deste foro organizado ao abeiro do proxecto RisKAquaSoil, todo o público presente nesta xornada técnica de acceso libre poderá participar na visita aos ensaios de campo realizados nos viñedos da adega Regina Viarum localizados en Doade, no municipio de Sober.