Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría da USC crea algoritmos que optimizan o uso da tecnoloxía LíDAR e axilizan a clasificación de datos dos solos

Sandra Buján Seoane e David Miranda, na EPS de Enxeñaría de Lugo
Sandra Buján Seoane e David Miranda, na EPS de Enxeñaría de Lugo
A tese doutoral presentada por Sandra Buján Seoane e dirixida por David Miranda supón un avance máis cara ao uso en tempo de real de datos dixitais do territorio

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC mellora o uso da tecnoloxía LiDAR e axiliza os tempos de procesado e clasificación da información sobre os solos captada a través de sensores e plasmada en mapas dixitais do terreo (MDT). Este novo avance, que se antolla coma un paso previo cara o inminente uso en tempo real de datos dixitais dos solos, é un dos froitos da tese de doutoramento desenvolvida pola investigadora do Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC Sandra Buján Seoane baixo a dirección do profesor David Miranda Barros.

A tese presentada na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC por Sandra Buján Seoane baixo o título 'A tecnoloxía LiDAR ao servizo da representación do releve e a identificación de coberturas do solo' afonda na necesidade de facer un aproveitamento óptimo de toda a información xeoespacial agochada nos datos e imaxes xeorreferenciados obtidos por diversos métodos e tecnoloxías. Estes avances técnicos permitiron mudar a forma de representación do terreo, ao pasar da visión estática dos mapas convencionais á creación, manexo e análise de modelos dixitais.

As achegas científicas realizadas por Buján Seoane neste ámbito de estudo xorden a partir da tecnoloxía LiDAR, considerada o modelo estándar para a obtención de datos acaídos para a elaboración de modelos dixitais de territorio (MDT). Neste senso, a investigadora desenvolveu algoritmos de filtrado para a identificación de puntos de terreo a partir das nubes de puntos LiDAR que se poden implementar en calquera software.

Nesta mesma liña de investigación, Buján Seoane estudou en profundidade os factores que afectan á precisión dos MDTs. A precisión deste tipo de mapas é especialmente sensible a parámetros asociados á variabilidade dos terreos, as características da contorna e mesmo á maior ou menor densidade dos puntos LiDAR, segundo se salienta nesta tese, cuxos resultados se complementan asemade coa inclusión dun estudo preditivo dos posibles errores destes modelos dixitais, a fin de mellorar así a eficiencia e a efectividade deste tipo de documentos.

Tribunal e tese de cualificación

O catedrático de Electrónica de Sistemas da USC Francisco Fernández Rivera presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada por Sandra Buján. A profesora da Universidade de León Flor Álvarez Taboada e Juan Suárez Míguez, do Centro de Investigación Forestal de Edimburgo, completaron un tribunal que cualificou a tese de sobresaínte cum laude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.01.2019.