A EPS de Enxeñaría da USC favorece a busca activa de emprego de estudantes e titulados cunha xornada de orientación laboral

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC favorece a busca activa de emprego de estudantes e titulados coa organización da xornada de orientación en inserción laboral ‘ A fórmula cara o teu emprego: os catro ‘E’ (EPS de Enxeñaría, Emprender, Emprego, Empresas’. O programa, estruturado en 26 horas de formación distribuídas en tres xornadas, comeza este mércores, a partir das 10.00 horas, na sala de xuntas da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, cunha sesión en quenda de mañá e tarde durante a que se tratará de achegar ao público participante competencias transversais e ferramentas precisas tanto para a busca de emprego como para desenvolver iniciativas de emprendemento.
A ténico da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, será e relatora encargada de guiar a sesión matinal da primeira xornada deste programa, na que tratará cuestións ligadas á marca e ao márketing persoal, oportunidades de prácticas e emprego en Europa, bolsas de formación e emprego, elaboración de currículos, perfís profesionais, procesos e probas de selección ou, entre outros temas, programas de prácticas profesionais.
O programa terá continuidade en quenda de tarde, de 16.00 a 19.00 horas, con diversos relatorios nos que os coordinadores e coordinadoras dos másteres e demais posgraos que se imparten na EPS de Enxeñaría de Lugo darán conta ao alumnado das posibilidades de inserción laboral que ofrecen esta formación e tamén dos diversos pasos a seguir para dar continuidade á carreira investigadora. As xornadas de orientación laboral ‘A fórmula cara o teu emprego: os catro ‘E’ (EPS de Enxeñaría, Emprender, Emprego, Empresas’ terán continuidade no centro universitario lugués os días 27 de febreiro e 13 de marzo.