Ir o contido principal

A EPS de Lugo celebra o Día da Terra cunha conferencia, dúas exposicións e a entrega dos premios á calidade lingüística

De esquerda a dereita, Ana Isabel García Arias (secretaria da EPS), Javier Bueno (director do centro) e o catedrático Antonio Rigueiro, durante os actos de celebración do Día da Terra
De esquerda a dereita, Ana Isabel García Arias (secretaria da EPS), Javier Bueno (director do centro) e o catedrático Antonio Rigueiro, durante os actos de celebración do Día da Terra
O relatorio do catedrático Antonio Rigueiro sobre a conservación da biodiversidade nos bosques galegos foi o acto principal da xornada

A Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo organizou o xoves 26 un acto conmemorativo do Día da Terra, que se celebrou o pasado domingo. Entre as actividades programadas estaba unha conferencia a cargo do catedrático do Departamento de Produción Vexetal da Escola Antonio Rigueiro Rodríguez, quen falou sobre a importancia da conservación da biodiversidade nos bosques galegos. Rigueiro fixo un percorrido polas características dos ecosistemas autóctonos, como carballeiras, soutos, aciñeiras, faiais, sobredos, acebedas, amieirais e freixeirais, e incidiu na importancia da súa protección, “por si mesmos e polo que supoñen como hábitat para outras especies animais e vexetais en canto a refuxio e fonte de alimentación, e tamén como corredores biolóxicos para a mobilidade da fauna”. “En Galicia hai 74 especies vexetais e animais ameazadas, e outras 126 en situación de vulnerabilidade, e moitas delas están ligadas aos bosques, polo que os danos que estes bosques poidan sufrir teñen unha incidencia directa na supervivencia dos animais e plantas que teñen neles o seu contorno”, explicou o catedrático, quen tamén falou sobre a importancia dos labores de conservación das masas arbóreas autóctonas, como a corta selectiva, a renovación das copas ou a aplicación de tratamentos fitosanitarios. Premios á calidade lingúística No decurso do acto tamén se fixo entrega dos premios á calidade e excelencia lingüística, concedidos pola comisión de normalización do centro e creados coa finalidade de promover o uso da lingua galega e a calidade lingüística nos traballos académicos. Os galardoados nesta edición foron, no apartado de traballos académicos, os alumnos Pablo Antoñón Vales e Félix Carpente Fachal, da titulación de Enxeñería Técnica en Obras Públicas; e na modalidade de traballos de fin de carreira ou fin de máster os premios recaeron en Natalia Seco Reigosa (Enxeñería Técnica Agrícola), Esperanza Vázquez González (Enxeñería Técnica Forestal), Álvaro Gómez Otero (Enxeñería Técnica en Topografía) e Miguel Álvarez Díaz e Marcos Sánchez Carricoba (Enxeñería Técnica en Obras Públicas). Exposición de traballos Ata o venres 27 de abril tamén se poden visitar no pavillón 3 da Escola Politécnica dúas exposicións. A primeira delas recolle os mellores traballos realizados polos alumnos do máster en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, impartido conxuntamente pola USC e a Universidade da Coruña. A segunda das mostras, denominada ‘A muller e a enxeñería: de onde vimos e a onde imos’, componse dunha serie de paneis nos que se fai un percorrido polo proceso de incorporación da muller ao ámbito universitario, especialmente nas titulacións da área técnica, nas que a porcentaxe de mulleres sobre o total de matriculados segue sendo minoritaria, malia os avances acadados. Javier Bueno entrega un dos premios á calidade lingüística outorgados pola comisión de normalización da EPS

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2012.