Ir o contido principal

A EPS de Lugo conmemora o Día da Terra cunha conferencia sobre a conservación da biodiversidade nos bosques galegos

O acto incluirá tamén a entrega de premios á calidade e excelencia lingüística que outorga a comisión de normalización do centro aos mellores traballos do alumnado

A Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo organiza o xoves 26 un acto conmemorativo do Día da Terra, que se celebrou o pasado domingo. A cita é ás 12.00 horas no salón de actos do centro. Entre as actividades programadas inclúese unha conferencia a cargo do profesor da Escola Antonio Rigueiro Rodríguez, quen falará sobre a importancia da conservación da biodiversidade nos bosques galegos. O relatorio está aberto ao público en xeral. No decurso do acto tamén se fará entrega dos premios á calidade e excelencia lingüística, concedidos pola comisión de normalización do centro e creados coa finalidade de promover o uso da lingua galega e a calidade lingüística nos traballos académicos. Os galardoados nesta edición son, no apartado de traballos académicos, os alumnos Pablo Antoñón Vales e Félix Carpente Fachal, da titulación de Enxeñería Técnica en Obras Públicas; e na modalidade de traballos de fin de carreira ou fin de máster os premios recaeron en Natalia Seco Reigosa (Enxeñería Técnica Agrícola), Esperanza Vázquez González (Enxeñería Técnica Forestal), Álvaro Gómez Otero (Enxeñería Técnica en Topografía) e Miguel Álvarez Díaz e Marcos Sánchez Carricoba (Enxeñería Técnica en Obras Públicas). Exposición de traballos Ata o día 27 de abril tamén se poden visitar no pavillón 3 da Escola Politécnica dúas exposicións. A primeira delas recolle os mellores traballos realizados polos alumnos do máster en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, impartido conxuntamente pola USC e a Universidade da Coruña. A segunda das mostras, denominada ‘A muller e a enxeñería: de onde vimos e a onde imos’, componse dunha serie de paneis nos que se fai un percorrido polo proceso de incorporación da muller ao ámbito universitario, especialmente nas titulacións da área técnica, nas que a porcentaxe de mulleres sobre o total de matriculados segue sendo minoritaria, malia os avances acadados. “Ademais do labor bibliográfico e de recompilación de cifras e datas, tamén se intenta achegar unha interpretación desa información, coa que tratamos de analizar o porqué da escasa presenza das mulleres en certas carreiras, así como trazar as liñas de futuro que se poden desprender dos datos recollidos”, explica Rosa Romero, profesora da EPS e unha das organizadoras da exposición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2012.