A EPS de Lugo doa ao Banco de Alimentos os froitos cultivados nas fincas de prácticas para o seu reparto a persoas necesitadas

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo doará ao Banco de Alimentos a totalidade dos froitos colleitados nas fincas de prácticas nas que alumnos e docentes levan a cabo plantacións e cultivos para usos docentes e labores de investigación, segundo indicou a profesora Belén Díaz, que coordina parte das prácticas de horticultura no centro universitario lugués.
Esta práctica solidaria impulsada e protagonizada pola propia comunidade universitaria luguesa permite asemade garantir o mellor aproveitamento e unha distribución máis equitativa dos froitos cultivados, precisou esta profesora da EPS, que, en colaboración coa subdirectora responsable das prácticas no devandito centro universitario, Rosa Mosquera, comezaron o pasado ano a entrega de hortalizas ao Banco de Alimentos. O éxito acadado co primeiro reparto das hortalizas –leitugas, tomates, pementos...–cultivadas na EPS a través do Banco de Alimentos animou a outros docentes do centro a sumarse a esta práctica solidaria, tal e como indicou Belén Díaz. Esta docente engadiu neste senso que outros profesores do centro universitario lugués, tales como Benigno Ruiz Nogueira, que desenvolve plantacións de cereais, e Santiago Pereira, quen tamén desenvolve estudos e investigacións de árbores froiteiros. O cereal recollido este ano nas plantacións dirixidas polo profesor Ruiz Nogueira tamén se entregará ao Banco de Alimentos, dixo Belén Díaz, quen tamén avanzou a pretensión do profesor Pereira de habilitar algún tipo de mecanismo de vixilancia que posibilite un maior aproveitamento das froitas dos froiteiros existentes nas distintas parcelas do campus universitario, tanto na valgada da sede universitaria luguesa como noutras propiedades vinculadas á institución académica. A distribución ás familias que o necesiten dos froitos, cereais, hortalizas e verduras recollidas na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo constitúe unha proba evidente da solidariedade universitaria, subliña Belén Díaz, quen subliña que “o obxectivo das fincas de prácticas que ten a EPS ao seu dispor é o de facilitar a aprendizaxe dos alumnos e favorecer e posibilitar outras investigacións”. “A finalidade das fincas de prácticas non é a de habilitar parcelas para que alumnos e docentes cultiven froitos para o seu propio consumo”, destaca Belén Díaz, para quen a distribución destes produtos a través do Banco de Alimentos garante “un reparto equitativo dos mesmos e evita casos de aproveitamento particular”. Esta profesora da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo non entrou a cuantificar o volume das producións hortícolas, de froita ou de cereal doadas ao Banco de Alimentos. Díaz sinalou, sen embargo, a disposición dunha nova finca de prácticas na EPS permite dispor de máis terreos para todo tipo de cultivos, o que tamén depara un maior volume de produción.
O carácter solidario que impregna esta iniciativa universitaria non se limita en exclusiva ao regalo dos produtos, senón que tamén afecta ás tarefas da súa recolección. De feito, Belén Díaz precisa neste senso que, en ocasións, son os propios alumnos ou os responsables do mantemento das fincas de práctica da EPS os que recollen as colleitas, un traballo que nos períodos non lectivo levan a cabo os voluntarios do Banco de Alimentos ou as persoas por eles designadas.