Ir o contido principal

A EPS de Lugo organiza un curso de técnicas aplicadas de microscopia en alimentación animal

Nesta décimo cuarta edición da actividade formativa dedicarase especial atención á análise dos compoñentes de orixe animal empregados nos pensos

A Escola Politécnica superior de Lugo presenta a XIV edición do curso práctico de formación ‘ Técnicas Aplicadas de Microscopia de Pensos’. A actividade, organizada polos profesores da EPS Ignacio García Lara e Antonio Iglesias Becerra, celebrarase no laboratorio de Produción Animal da Facultade de Veterinaria do campus lucense entre os días 16 e 20 de xullo, e os interesado en realizar a inscrición poden facelo nos teléfonos 982 822 402 / 982 822 404 ou a través dos correos electrónicos ignacio.garcia.lara [at] usc.es (ignacio[dot]garcia[dot]lara[at]usc[dot]es) ou antonio.iglesias [at] usc.es (antonio[dot]iglesias[at]usc[dot]es). A microscopia é unha das principais ferramentas empregadas no control de calidade da industria alimentaria animal, “xa que se trata dun medio rápido e económico de valoración tanto das materias primas como dos produtos terminados, o que facilita considerablemente o labor de verificación na propia fábrica ou nos laboratorios”, segundo explican os responsables do curso. O curso está dirixido tanto a estudantes das titulacións vinculadas a este sector (enxeñarías técnicas agrícola ou forestal, enxeñarías agrónoma ou de montes, veterinaria, química, tecnoloxía dos alimentos...) como aos profesionais que desenvolven o seu traballo no ámbito da fabricación de pensos, unha actividade que nos últimos anos experimentou en considerable crecemento en Galicia, e tamén un cambio no seu xeito de traballar, coa incorporación de procesos como o control de calidade, a investigación en I+D, e formulación dos pensos ou os servizos de campo. Entre os aspectos que se desenvolverán neste curso están a metodoloxía práctica para a identificación de ingredientes, a detección de contaminantes e adulteracións ou a avaliación cuantitativa e cualitativa dun penso. Tamén se lle dedicará especial atención aos compoñentes de orixe animal, debido á regulamentación comunitaria sobre a incorporación de fariñas animais na alimentación de ruminantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2012.