Ir o contido principal

A EPS presenta ao estudantado do campus de Lugo as bolsas do programa Proxectos de Coñecemento da Realidade

Os participantes realizarán estadías de colaboración en países empobrecidos e á volta desenvolverán campañas de sensibilización social sobre a súa experiencia

A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e o Servizo de Voluntariado, Participación e Cooperación da USC presentan un ano máis as bolsas do programa Proxectos de Coñecemento da Realidade (PCR), de estadías de colaboración en países empobrecidos, nun acto aberto ao alumnado de todas as titulacións do campus lucense. Os PCR son unha iniciativa consistente na participación en actividades de cooperación en países en vías de desenvolvemento, e gozan de recoñecemento académico. A realización dun PCR busca unha dobre finalidade de sensibilización: a do propio alumnado beneficiario e a da sociedade en xeral, xa que tras o regreso da estadía os estudantes realizan actividades de concienciación para dar a coñecer a experiencia. Mediante o programa procúrase un proceso de reflexión desde unha vertente práctica, para implicar as persoas participantes nas liñas de traballo en cooperación para o desenvolvemento en diferentes países empobrecidos e no traballo que se leva a cabo desde Galicia, e fundamentalmente na USC. A Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua, a través da Área de Voluntariado, Participación e Cooperación Internacional do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU), mantén aberta ata o vindeiro 23 de marzo ás 14.00 horas a convocatoria a todo o estudantado da USC interesado en participar en programas e accións de coñecemento da realidade. A duración das estadías é de entre 30 e 90 días. Para obter máis información, as persoas interesadas poden visitar á paxina web do Servizo de Participación e Integración Universitaria no enderezo http://www.usc.es/gl/
servizos/sepiu/sc101/pcr/coop_bolsas_pcr_2012
. A xornada informativa de presentación das bolsas na EPS celébrase o mércores 21 ás 12.00 na sala de persoal da Escola. Intervirán nela o director do centro, Javier Bueno; Fátima Teixeiro, do Servizo de Voluntariado, Participación e Cooperación da USC; Marta Valle, estudante da USC e bolseira deste mesmo programa en Alxeria no ano 2011; e Xan Neira, profesor da EPS e membro do Centro de Estudos Rurais de Agricultura Internacional e da Sociedade Galega de Agroecoloxía, colaboradoras no programa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2012.