Ir o contido principal

A EPS reúne nun curso sobre cálculo e deseño de estruturas de madeira costralaminada 90 titulados e profesionais

Prorfesionais e titulados universitarios que asisten ao curso na EPS
Prorfesionais e titulados universitarios que asisten ao curso na EPS
O programa, organizado pola Plataforma de Madeira Estrutural da USC e financiado por Confemadera Hábitat Galicia, inclúe sesións teóricas e prácticas

O curso ‘Deseño e cálculo de estruturas en madeira contralaminada’, promovido pola Plataforma da Madeira Estrutural (Pemade) da USC e que conta con financiamento de Confemadera Hábitat Galicia, cita na Escola Politécnica do campus de Lugo da USC uns 90 titulados e profesionais interesados no uso da madeira como elemento construtivo e nas posibilidades que ofrece este material.

O director do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, Manuel Guaita; a subdirectora de Calidade e Relacións Exteriores da Escola Politécnica Superior, Ana Isabel García Arias, e a secretaria xeral de Confemadera Hábitat Galicia, Ana Oróns, abriron este xoves a quenda de relatorios deste programa cun acto de benvida a todas as persoas que participan neste programa formativo, planificado como unha actividade independente, aínda que complementaria do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC. O arquitecto Julen Pérez Santiesteban abriu a quenda de relatorios deste curso, pioneiro en Galicia sobre madeira contralaminada, e no que teñen destacada participación empresas galegas como Maderas Besteiro e tamén firmas establecidas en Austria e Italia, tales como Sotora Enso e Rothoblaas. A intervención de Pérez Santiesteban, que presentou diversos casos prácticos respecto do emprego de madeira contralaminada en construcións, serviu tamén de introdución a temática dun curso no que os distintos relatores convidados analizarán nas diferentes sesións programadas as principais características técnicas e do proceso de fabricación desta madeira, ao tempo que farán fincapé na práctica de cálculo del forxados e muros, ademais de realizar ensaios no laboratorio da plataforma Pemade. Novo impulso á construción en madeira A madeira contralaminada, un material novo e cuxo emprego aínda non está xeneralizado, constitúe un novo impulso á construción en madeira, segundo estiman os promotores deste curso, conscientes das múltiples posibilidades construtivas que ofrecen os tableiros contralaminados. Este tipo de material componse de láminas de madeira dispostas en forma de cruz e tratadas baixo alta presión de moldeo ata converterse en placas de madeira maciza de gran formato. Este material xa se está a utilizar na construción de casas unifamiliares, edificios residenciais de varios pisos, edificios públicos, administrativos, industriais e comerciais, así como na rehabilitación de calquera edificación. A construción con madeira contralaminada é unha opción cada vez máis empregada polas vantaxes de aforro en custes e tempo, xa que a obra estrutural seca non depende do fraguado do formigón. Ademais, o gran formato e a posibilidade de obter pezas cortadas e talladas en función das necesidades de cada edificación, outorgan unha gran flexibilidade a este tipo de arquitectura. Outra das vantaxes que proporciona o emprego da madeira contralaminada en procesos construtivos vén dado polo carácter de sumidoiro de CO2 da madeira, ao que tamén cómpre sumar as súas prestacións illante térmico e regulador da humidade, ou tamén como illante acústico, o que fai da madeira unha materia prima con moito futuro. Relatores e programa do curso Julia Ahvenainen, Manuel Guaita, e Jorge Crespo completan a relación de relatores que participan na primeira xornada do curso sobre cálculo e deseño de estruturas de madeira contralaminada organizado por Pemade. A xornada deste venres, que tamén se desenvolverá en quenda de mañá e tarde, estará centrada no cálculo, execución e montaxe de casas de madeira contralaminada, cuestións sobre as que guiarán cadansúa sesión o austríaco Thomas Demschner, de Stora Enso, e Adolfo Montero, de Maderas Besteiro.

O curso ‘Deseño e cálculo de estruturas en madeira contralaminada’ rematará o sábado cunha xornada monográfica sobre deseño e cálculo de unións en estruturas de madeira contralaminada impartida polo experto italiano Albino Angeli.

Guaita, García e Oróns, na apertura do programa formativo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2015.