Ir o contido principal

O equipo de Ángel Carracedo contribúe á identificación de novos xenes implicados no autismo

Ángel Carracedo
Ángel Carracedo
Trátase do estudo máis grande realizado sobre este enfermidade dende o punto de vista xenético

O profesor da Universidade de Santiago Ángel Carracedo participa no estudo máis grande xamais realizado sobre o autismo dende o punto de vista xenético e que permite aumentar de forma extraordinaria, segundo os seus promotores, a lista de xenes relacionados co Trastorno do Espectro Autista (TEA). En total estudouse todo o ADN codificante do xenoma (exoma) en máis de 15.000 mostras de pais, nenos afectados e individuos sans non relacionados.

O novo estudo aumenta o número dos xenes relacionados co esta doenza a 33, dos que ata agora só se coñecían 9, ademais de ter identificados outros 74 que probablemente tamén están implicados. Explican os investigadores que cada un destes xenes está mutado en máis do 5% dos pacientes con autismo, “o que significa unha relativamente importante contribución ao risco de padecer o problema” , explican os investigadores. O desenvolvemento do estudo asumiuno un equipo internacional de 37 institucións liderado polo profesor de Psiquiatría, Neurociencia e Xenética e Xenómica do Hospital Mount Sinaí, Joseph D. Buxbaum. A participación española concéntrase nos grupos liderados polo profesor da USC Ángel Carracedo e no da doutora Mara Paralleda do Hospital Gregorio Marañón. “Creo que é o estudo máis importante no que temos participado ata a fecha, xunto co da esquizofrenia, pero aínda queda moito por facer”, asegura Ángel Carracedo. Os investigadores secuenciaron o exoma e analizaron datos de 3.871 casos de autismo, 2.270 conxuntos de nais, pais e fillos afectados e mostras de control adicionais compilados polo Autism Sequencing Consortium (ASC). Na análise dos datos compilados, puideron ver cambios herdados e moitos outros que suceden espontaneamente nos fillos. Os investigadores tamén comprobaron que mentres diferenzas xenéticas raras e moi pequenas en 103 xenes confiren un risco relativamente grande de autismo, moitos outros cambios noutros xenes engaden unha cantidade menor de risco. Rutas O traballo, recollido no último número de Nature, sinala tres rutas nas que mutacións en xenes confiren risco de autismo. O profesor Carracedo mostra a súa sorpresa porque “unha desas rutas é a que controla o remodelado da cromatina” (no proceso de organización do material xenético dentro do núcleo das células, o ADN forma un complexo cunhas proteínas chamadas histonas, o que acaba formando a cromatina). Outra das rutas que estarían ligadas ao TEA son os xenes que gobernan a sinapse, os espazos entre células nerviosas, e un terceiro sería o daqueles que regulan as etapas básicas que transforman os xenes en proteínas. Segundo este novo traballo de investigación, as alteracións nos xenes que causan unha enfermidade poden ser herdadas ou aparecer por primeira vez nos fillos (mutacións de novo), aínda que tamén poden orixinar unha perda de función da proteína que codifican ou producir cambios máis pequenos. Os estudos anteriores de autismo centráronse so en mutacións de novos que orixinan perda de función, pero aquí analizáronse todas “grazas a un grande esforzo de análise bioinformático que permitiu ver que as mutacións máis sutís contribúen de forma moi importante ao autismo”. O estudo tamén permitiu comparar diferenzas entre persoas de distinto sexo -a xenética feminina “protexe dalgunha forma” ás mulleres para padecer TEA-, ademais de propiciar consecuencias importantes para a diagnose xenética xa que coa análise dos xenes descubertos ou de todo o exoma se poderán diagnosticar moitos máis e realizar un asesoramento xenético aos pais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2014.