Ir o contido principal

Un equipo do CiMUS e do IDIS constata que o tratamento para o TDAH mellora os síntomas condutuais pero pode alterar o olfacto

Equipo do CiMUS que desenvolveu o estudo. FOTO: Santi Alvite
Equipo do CiMUS que desenvolveu o estudo. FOTO: Santi Alvite
O estudo subliña o potencial dos biomarcadores farmacoxenéticos para adaptar a medicación ás características individuais de cada paciente, optimizando os efectos terapéuticos e minimizando os secundarios
Santiago de Compostela

Un equipo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (CiMUS) e dous grupos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do que tamén forma parte a USC, descubriron que o tratamento máis común para o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) non só mellora os síntomas condutuais, senón que tamén afecta a forma en que cativada e adolescentes procesan os estímulos sensoriais.

O estudo, liderado polo grupo de Xenómica e Bioinformática deste Centro Singular da USC, que inclúe o grupo de investigación en Cognición, Neurodesenvolvemento e Xénero e o grupo de Farmacoxenómica e Descubrimento de Medicamentos (GenDeM) do IDIS, consistiu nunha revisión sistemática de estudos europeos, na que se analizaron preto de 600 publicacións. Os resultados confirman que o metilfenidato (MPH), o fármaco máis utilizado para tratar o TDAH, mellora o equilibrio e normaliza a percepción da dor, aínda que pode deteriorar a capacidade para discriminar olores.

“Ningún estudo europeo abordara ata o de agora como os biomarcadores farmacoxenéticos inflúen na resposta sensorial ao metilfenidato. O noso traballo abre unha liña prometedora para avanzar cara a tratamentos máis personalizados”, explica Montse Fernández Prieto, que lidera o grupo de investigación en Cognición, Neurodesenvolvemento e Xénero do grupo de Medicina Xenómica.

Impacto sensorial do tratamento

O TDAH é o trastorno do neurodesenvolvemento máis común en cativada e adolescentes. Os seus síntomas principais, déficit de atención e/ou impulsividade e hiperactividade, afectan o rendemento escolar, a vida familiar e as relacións sociais. Con todo, hai pacientes que tamén presentan alteracións no procesamento sensorial.

Esta investigación mostra que o metilfenidato ten efectos concretos sobre os sentidos. A nivel de audición, o uso de ruído branco mellora o rendemento en tarefas cognitivas en persoas tratadas. No que respecta ao equilibrio, mellora o control postural e a estabilidade corporal e a nivel da dor, permite unha percepción do mesmo máis axustada fronte a aquelas persoas non tratadas, que tenden a sentir menos dor do habitual. No que ao olfacto se refire, obsérvase unha peor discriminación de olores nos pacientes que recibiron tratamento.

“Estes achados lémbrannos que os tratamentos non só inflúen na conduta, senón tamén en como as persoas con TDAH a tratamento con MPH interpretan o mundo que as rodea. Comprender estes cambios é clave para mellorar a súa calidade de vida”, sinala Fernández Prieto.

Camiño cara á medicina personalizada

O estudo tamén subliña o potencial dos biomarcadores farmacoxenéticos para adaptar a medicación ás características individuais de cada paciente. “O adaptar certos medicamentos ao perfil farmacoxenético do paciente xa é unha realidade nos nosos hospitais galegos. Para metilfenidato queda por descubrir que rexións no ADN van permitir optimizar os efectos terapéuticos e minimizar os efectos secundarios do fármaco. Niso estamos a traballar, no desenvolvemento dunha medicina máis personalizada na abordaxe do TDAH” sinala Olalla Maroñas Amigo, líder do grupo GenDeM.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2025.