Ir o contido principal

O equipo EUniWell da USC fai balance dos avances e resultados acadados no primeiro semestre de 2025

No encontro participaron as persoas que representan á USC nos distintos paquetes e grupos de traballo e no Consello do Estudantado de EUniWell
No encontro participaron as persoas que representan á USC nos distintos paquetes e grupos de traballo e no Consello do Estudantado de EUniWell
Celebrou unha xuntanza coa participación de representantes da USC nos distintos paquetes e grupos de traballo de EUniWell, así como representantes do estudantado da USC no Consello do Estudantado de EUniWell

O equipo da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) na USC celebrou a súa segunda reunión trimestral do ano para avaliar os avances acadados nos distintos paquetes e grupos de traballo do proxecto EUniWell-WeFF durante o primeiro semestre de 2025, así como planificar a valorar as accións prioritarias do seguinte período.

No encontro participaron as persoas que representan á USC nos distintos paquetes e grupos de traballo e no Consello do Estudantado de EUniWell. Durante a xuntanza destacouse o labor da USC como institución coordinadora do Paquete de Traballo 8 (WP8) sobre ‘Investigación, Innovación e Emprendemento Responsable’ do proxecto EUniWell-WeFF. No contexto deste paquete puxéronse en marcha iniciativas como o EUniWell Champions Scheme, que permite que persoal investigador sénior das universidades do consorcio asuma un rol de liderado na promoción da misión de EUniWell, ou o Simposio do Centre for Advanced Studies (CAS) de EUniWell. A primeira edición do CAS celebrouse no mes de xuño no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) co obxectivo de abordar temas estratéxicos nos distintos ámbitos de interese da Alianza e impulsar oportunidades de colaboración en materia de investigación e innovación.

Tamén se puxo en valor a elevada implicación e participación da comunidade universitaria da USC en accións de ciencia cidadá, nos cursos e actividades formativas ofertadas pola Alianza ou nas últimas convocatorias Seed Funding, o programa insignia de financiamento de EUniWell.

Pola súa banda, a Oficina EUniWell da USC fixo referencia, ademais, ao éxito da 8ª Asemblea de Reitores e Reitoras da Alianza, celebrada en maio no Campus de Santiago, que reuniu arredor dun cento de participantes procedentes das distintas universidades do consorcio.

A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, salientou a importancia destas reunións trimestrais para reforzar a comunicación e a coordinación de todos os integrantes do equipo local do consorcio, “é fundamental que, periodicamente, compartamos as nosas experiencias e inquedanzas, para así continuar avanzando na construción colectiva da comunidade EUniWell-USC”, indicou.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2025.