Ir o contido principal

O equipo galego alcanza tres medallas nas Olimpíadas Matemáticas

De esquerda a dereita, Felipe Gago, Raúl Alonso, Gonzalo Cao, Óscar Rivero (convidado de honra a esta edición da Olimpíada), Carlos G. Ling e Covadonga Rodríguez-Moldes
De esquerda a dereita, Felipe Gago, Raúl Alonso, Gonzalo Cao, Óscar Rivero (convidado de honra a esta edición da Olimpíada), Carlos G. Ling e Covadonga Rodríguez-Moldes

O equipo que representou a Galicia na fase final da XLIX Olimpíada Matemática Española, celebrada en Bilbao esta pasada fin de semana, alzouse con dúas medallas de prata e unha de bronce. O equipo estaba formado polos gañadores da fase galega da Olimpíada Matemática, celebrada na USC o pasado mes de xaneiro: Raúl Alonso Rodríguez (1º de Bacharelato do IES Carlos Casares, Vigo), Carlos García Ling (2º Bacharelato do Colexio M. Peleteiro, Santiago de Compostela) e Gonzalo Cao Labora (4º ESO do IES Eusebio da Guarda, A Coruña). O equipo estivo preparado polo profesor da Facultade de Matemáticas Felipe Gago co apoio da profesora Covadonga Rodríguez-Moldes. Raúl Alonso e Gonzalo Cao conseguiron cadansúa medalla de prata, mentres que Carlos García Ling logrou unha de bronce. Este último e Gonzalo Cao repiten podio por segunda vez xa que García Ling fora bronce en 2010 e Cao Labora prata en 2012. Pola súa banda, Raúl Alonso suma deste xeito a súa primeira participación na Olimpíada Matemática. A Olimpíada Matemática Española é unha competición de resolución de problemas dirixida a alumnos de bacharelato, aberta tamén ao alumnado da última etapa da ESO. Á edición de este ano, a número 49, acudiron 77 alumnos en representación das diferentes comunidades e cidades autónomas, previamente seleccionados nas correspondentes fases autonómicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2013.