Ir o contido principal

Un equipo do Ibader da USC estudará o grao de afectación do decaemento do ameneiro nas cuncas hidrográficas Miño-Sil e Limia

O convenio asinárono Juan Viaño e Francisco Marín en San Xerome (Foto: SERVIMAV-USC)
O convenio asinárono Juan Viaño e Francisco Marín en San Xerome (Foto: SERVIMAV-USC)

A vexetación das cuncas hidrográficas Miño-Sil e Limia sofre desde hai anos a doenza denominada ‘decaemento do ameneiro’, que pon en perigo o seu estado de conservación e a funcionalidade ecolóxica en numerosos tramos fluviais da zona, algo que altera as condicións hidromorfolóxicas das masas de auga e o seu estado ecolóxico. A enfermidade afecta dende 2004 a bosques de ribeira de moitos países coma Inglaterra, Francia, Alemaña, República Checa, Austria, Italia e España. Neste último, as áreas máis prexudicadas están en Galicia, dentro da cunca do Miño-Sil, aínda que tamén se reportou a presenza do patóxeno en Castela e León así como árbores cos síntomas característicos en Asturias, Cantabria e o Norte de Portugal. O primeiro rexistro desta enfermidade en Galicia data de 2008 na ribeira luguesa do Miño. Dous anos despois, varios grupos de investigadores coñeceron que a causa era o fungo Phytophthora alni subsp. alni Brasier & S.A. Kirk. Nestes momentos a doenza en Galicia está localizada especialmente na Terra Cha luguesa, na cunca do Avia en Ourense e na zona de Limia. Para prever e paliar na medida do posible os múltiples efectos negativos que o ‘decaemento do ameneiro’ está producindo nesas zonas o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, asinaron este xoves un convenio de colaboración que porá a traballar un equipo do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC (Ibader) dirixido por Pablo Ramil na valoración de posibles alternativas destinadas a favorecer a recuperación desta vexetación de ribeira. Os traballos dos especialistas do grupo de investigación ‘Territorio e Diversidade’ do Campus de Lugo da USC servirán por tanto para avaliar a situación actual e propoñer actuacións de mantemento e mellora do estado ecolóxico das masas de auga afectadas polo deterioro da vexetación de ribeira, que sobre todo está alterando a hidromorfoloxía dos leitos afectados. O custe de execución do estudo, que deberá finalizar antes de decembro de 2016, estímase en máis de cen mil euros, dos que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asumirá o 75% e o resto a Universidade compostelá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2015.