Ir o contido principal

Un equipo de investigadores da USC coordina cun amplo programa o centenario da morte de Said Armesto

Foto inédita de Víctor Said Armesto coa súa avoa Carmen Aldao de Armesto (Foto cedida por Txaro y Jorge Santoro, netos de Said)
Foto inédita de Víctor Said Armesto coa súa avoa Carmen Aldao de Armesto (Foto cedida por Txaro y Jorge Santoro, netos de Said)

O equipo de investigación da USC ‘Fondos documentais de Música nos arquivos civís de Galicia (1875-1936)’ coordina o programa de actividades que conmemorará o vindeiro ano o centenario da morte de Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871- Madrid 1914), primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa. O grupo que dirixe o profesor Carlos Villanueva e do que tamén forman parte Javier Garbayo, Luís Costa e Montserrat Capelán leva tempo investigando nos grandes fondos da Fundación Barrié, o Museo de Pontevedra e a SGAE sobre a figura deste gran científico do romanceiro galego, ensaísta e crítico recoñecido. O programa de actividades adiantarase a finais deste ano coa edición da partitura do drama lírico La flor del agua de Said Armesto e Conrado do Campo, estreado con éxito no Teatro da Zarzuela de Madrid en xuño de 1914, partitura da que son editores Joám Trillo e Carlos Villanueva. A obra, considerada para moitos como renovadora para a escena da época e determinante para os estudos do teatro rexeneracionista en España, presentarase en versión concerto en Galicia e en Madrid no inicio da tempada 2014-15. Ademais, editarase a monografía Said Armesto: o romance dunha vida, de Carlos Villanueva e outros colaboradores, dedicada á orientación musical e de experto no romanceiro galego así como ao estudo da literatura popular de Galicia na relación con outros ciclos medievais, tarefa que desembocaría no acceso de Said Armesto á primeira Cátedra de Literatura galego-portuguesa. O volume estuda tamén outros aspectos da súa afección musical como a participación no coro Aires da terra, a colaboración con Sampedro, as súas actividades no Ateneo ou a preparación, composición e estrea de La flor del agua. En outono de 2014 dedicaráselle un simposio no que se profundará na vida e obra do pontevedrés, a súa relación coa literatura, a música e a etnografía e todo o referente ao seu pensamento político e ideolóxico no contexto da Galicia da época. Ademais, ampliarase o coñecemento acerca desta senlleira figura a través dunha exposición que incluirá materiais novos e inéditos sobre a súa traxectoria vital e académica e sobre a primeira cátedra de literatura galego-portuguesa en España. Finalmente, estase a preparar unha versión de cámara de La flor del agua para solistas e quinteto de cordas con piano que, dirixida por Joám Trillo, circulará por diversas cidades galegas e españolas así como un epistolario con preto de catrocentas cartas, inéditas boa parte delas. Said Armesto O primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa foi continuador dunha estirpe de pensadores que transitaron en Galicia no republicanismo máis radical do Sexenio Democrático. Colaborador estreito de Casto Sampedro na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, foi elixido entre os dez primeiros intelectuais que se convocaron en 1905 –baixo a presidencia de Manuel Murguía– para constituír a Academia Galega. Xornalista, folklorista, filólogo, filósofo, catedrático de universidade e literato, Said encamiña a súa liña de pensamento cara a temas propios das preocupacións rexeneracionistas finiseculares (educación, utopía social, etc.), pero esas tendencias e orientacións van refuxiándose na abstracción do medievalismo científico e dunha realidade de Galicia enriquecedora, ideal, esteticista e plena de contidos identitarios de sabor romántico. Foto inédita de Víctor Said Armesto na súa voda con Amadora Santoro (Foto cedida por Txaro y Jorge Santoro, netos de Said)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2013.