Ir o contido principal

O equipo de María Giménez contará cunha axuda do ERC para explorar o potencial de baterías máis sustentables

María Giménez, coordinadora do proxecto ZABCAT. Foto: CiQUS
María Giménez, coordinadora do proxecto ZABCAT. Foto: CiQUS
O proxecto ZABCAT, a desenvolver no CiQUS, profundará nas posibilidades de desenvolvemento de baterías de zinc-aire, unha alternativa máis sustentable, con maior capacidade, baixo custe e máis seguras que as tradicionais de ión de litio
Santiago de Compostela

As baterías de zinc-aire son unha alternativa prometedora para dar solución a moitos dos inconvenientes asociados ás de ión de litio, particularmente en relación á súa sustentabilidade e seguridade. O proxecto ZABCAT, encabezado pola investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) María Giménez López, abordará a busca de novas baterías sustentables co apoio do European Research Council (ERC) a través das súas axudas ERC-Proof of Concept. A finalidade desta liña de axudas do organismo europeo de investigación é explorar o potencial comercial ou social dos proxectos financiados e achegalos ao mercado. Nesta quenda, a última de 2020, foron recoñecidos un total de 55 proxectos, sendo o da investigadora da USC o único para un equipo de España.

"O novo prototipo podería en principio triplicar a duración do ciclo das celas nos sistemas actualmente dispoñibles, duplicando a produción de enerxía e reducindo nun 30% o seu custo" explica Giménez López. Na segunda fase do proxecto, a organización de investigación aplicada CIDETEC levará a cabo o escalado a nivel  preindustrial dos novos materiais de eléctrodo deseñados no  CiQUS. Este centro tecnolóxico vasco, referencia internacional en temas de almacenamento enerxético, fabricará e integrará devanditos materiais en baterías recargables de zinc-aire para avaliar correctamente o comportamento do prototipo.

As baterías de zinc-aire son sistemas cunha elevada densidade enerxética, capaces de acumular maior cantidade de enerxía que as actuais de ión de litio. Ademais, trátase dunha alternativa de baixo impacto ambiental por incorporar zinc, un dos elementos máis abundantes na codia terrestre, polo que empregan materiais de alta dispoñibilidade, baixo custe e seguros. Non obstante, para chegar a ser un sistema de almacenamento eficiente, a tecnoloxía zinc-aire aínda debe superar importantes obstáculos, fundamentalmente a degradación que ten lugar no cátodo e a corrosión do  ánodo, que limitan tanto a  reversibilidade como a duración destas baterías. "Na actualidade, a falta de enfoques que resolvan as limitacións do cátodo dificulta a aplicación práctica e a comercialización de baterías  recargables de zinc-aire" sinala a investigadora do CiQUS e coordinadora desta axuda Proof of Concept, María Giménez López. Neste senso ZABCAT centrarase en protexer os catalizadores metálicos para abordar os problemas existentes nos eléctrodos destas baterías, estendendo a súa vida útil e mellorando o seu comportamento en condicións reais.

Antecedentes

Previamente, a investigadora e o seu grupo desenvolveron estratexias para o  encapsulamento de materiais electrocatalíticos no marco do proxecto NANOCOMP (tamén financiado polo ERC con cargo a unha axuda Starting Grant). Este confinamento a escala nanométrica incrementa a durabilidade dos electrocatalizadores, ofrecendo unha oportunidade única para desenvolver tecnoloxías electroquímicas rendibles.  ZABCAT pretende deste xeito trasladar os resultados científicos obtidos para liquidar a degradación do  cátodo e facilitar que as baterías  recargables de zinc-aire poidan chegar ao mercado no curto prazo.

CiQUS

Con esta, son xa catro as axudas Proof of Concept xestionadas por investigadores do CiQUS tras as obtidas por Francisco Rivadulla, Javier Montenegro e José Luis  Mascareñas, sendo as únicas axudas desta categoría que se puxeron en marcha en Galicia ata a data. Esta iniciativa brinda apoio aos beneficiarios do prestixioso programa do Consello Europeo de Investigación para poñer en valor e favorecer a explotación comercial dalgúns dos avances desenvolvidos nos seus proxectos. Para conseguilo,  ZABCAT contará cun financiamento de 150.000 € e terá unha duración de 18 meses.

ERC na USC

As subvencións ERC-Proof of Concept destínanse á exploración de oportunidades comerciais, preparación de solicitudes de patentes  ou verificación da viabilidade práctica de conceptos científicos. Durante 2020, o ERC achegou financiamento a un total de 166 proxectos, dos que doce foron para propostas realizadas por equipos de investigación emprazados en España, entre eles ZABCAT.

A USC atópase entre as universidades españolas con maior capacidade captación de axudas do European Research Council. Entre 2007 e 2020, a Universidade de Santiago acadou un total de 18 axudas das distintas modalidades xestionadas polo ERC, que supuxeron preto de 27 millóns de euros financiados cos fondos destinados á investigación científica no marco da UE.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.01.2021.