Un equipo da Universidade de Santiago obtén un dos galardóns do Premio Estudos Financeiros 2014
O equipo do Grupo de Investigación Valoración Financeira Aplicada da USC formado por Rubén Lado Sestayo, Milagros Vivel Búa, Luis Otero González e Sara Fernández López recibiu un accésit do Premio Estudos Financeiros 2014 que outorga a escola de negocios CEF. En concreto, recoñéceselle o estudo ‘O fracaso empresarial nas pemes hoteleiras españolas: unha análise en tempos de crise’ na categoría de Contabilidade. Creado en 1990, este galardón premia anualmente os mellores traballos en seis modalidades das ciencias socioeconómicas e xurídicas: Tributación; Contabilidade; Dereito do Traballo e Seguridade Social; Recursos Humanos; Dereito Civil e Mercantil; e Dereito Constitucional e Administrativo. Cunha dotación total de máis de 64.000 euros, estes premios valoran especialmente a aplicación práctica das investigacións. Na edición deste ano, á que concorreron 137 traballos na súa maioría de departamentos de investigación das universidades españolas, o 76 % dos premios outorgouse a docentes universitarios, mentres que o resto recaeu en profesionais tanto da Administración pública como da empresa privada.
Os xurados das distintas modalidades do Premio Estudos Financeiros están formados por profesionais de recoñecido prestixio nas áreas da Administración pública, a xudicatura, a Universidade e a empresa privada. Nesta edición participaron nos comités avaliadores 7 catedráticos e profesores titulares de Universidade, 5 socios directores de grandes despachos, 12 directores e socios de grandes empresas e 5 maxistrados.