O equipo da USC, campión galego da División de Honra da Liga Galega de Xadrez

O equipo da USC acaba de proclamarse por vez primeira campión por equipos na División de Honra da Liga Galega de Xadrez, disputada entre o 27 de xaneiro e o 28 de abril. A competición na máxima categoría desta liga consta de doce equipos de seis persoas titulares cada ronda representando ás catro provincias galegas. As partidas xogáronse a un ritmo dunha hora e media por xogador máis un engadido de trinta segundos cada vez que se realizaba un movemento.
Dos once enfrontamentos disputados, o equipo da USC gañou en dez partidas, cunha única derrota, mentres que o segundo clasificado, Xadrez Ourense A, gañou oito partidas, empatou unha e perdeu dúas, mentres que o terceiro –CXF Viajes Interrías Sanxenxo- sumou sete vitorias, dous empates e dúas partidas perdidas. A liga de División de Honra caracterízase por un nivel destacado non só polos xogadores galegos de cada formación senón tamén por un bo grupo de titulados de distintos países encadrados nos equipos galegos.