Ir o contido principal

Un equipo da USC, finalista do campionato internacional e dirección de proxectos para estudantes da IPMA

Estudantes da USC que representarán a España na final do torneo interncional de dirección de proxectos da IPMA
Estudantes da USC que representarán a España na final do torneo interncional de dirección de proxectos da IPMA
Catro alumnos do máster en Dirección de Proxectos na EPS participan esta semana en Vilna na fase final do torneo con outros equipos de Letonia, Lituania, Serbia e Finlandia

Catro estudantes do máster en Dirección de Proxectos da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo clasificáronse para a fase final do campionato internacional de dirección de proxectos organizado pola Asociación Internacional de Dirección de Proxectos (IPMA Young Crew) co obxectivo de promover o interese por la Dirección de Proxectos e facilitar o diálogo e o intercambio de coñecemento entre a mocidade de distintos países.

O equipo de estudantes do máster en Dirección de Proxectos na EPS está integrado por catro membros: os ecuatorianos Emilia Paulina Vásquez Zambrano e César Andrés Vélez del Hierro, que accederon a este posgrao logo de completar a súa titulación en Turismo, e os graduados en Enxeñaría Civil na USC Diego Casalderrey Díaz e Laia Gómez Piñeiro. Este cuarteto de posgraduados acadou a súa clasificación para a fase final deste certame, que se desenvolverá os días 23 e 24 de abril na capital de Lituania, logo de proclamarse vencedor da fase nacional, un torneo coordinado pola Asociación Española de Dirección de Proxectos (Aeipro) e que se celebrou en liña. Logo de proclamarse campións da fase nacional deste campionato de dirección de proxectos, un certame aberto á participación de estudantes de programas de máster con idades iguais o inferiores aos 35 anos e no que tamén participaron outras universidades españolas ademais da USC, a delegación universitaria luguesa enfrontarase agora en Vilna a equipos procedentes de Letonia, Lituania, Finlandia e Serbia, todos eles campións das fases nacionais celebradas nos seus países de procedencia. A competición da fase final deste campionato internacional de dirección de proxectos presenta unha estrutura semellante á dos torneos nacionais. Así, os equipos participantes deberán responder a unha batería de cuestións teóricas para logo dar conta tamén da aplicación dos seus coñecementos na resolución de distintos casos prácticos. O coordinador do máster en Dirección de Proxectos da USC, o profesor Carlos Amiama Ares, salientou o éxito acadado polo alumnado da EPS na súa primeira participación na fase nacional deste certame, no que cada un dos membros do equipo recibiu como agasallo un libro guía e o pago das taxas do exame de certificación para directores de proxectos, un premio valorado en máis de 600 euros, dixo. Respecto da participación destes alumnos da USC na final deste campionato internacional de dirección de proxectos, Amiama Ares confía en que o alumnado da EPS vai completar unha boa actuación, ao tempo que destaca que a participación neste tipo de iniciativas xa constitúe de por si unha experiencia enriquecedora e positiva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2015.