O equipo de virtualización de obxectos USCAN3D da USC gaña un dos premios á innovación da Fundación 3M
O equipo USCAN3D da USC, con sede na Escola Politécnica Superior de Lugo e coordinado por María de la Luz Gil, recolleu o martes 11 en Madrid un dos accésits nos premios anuais á innovación outorgados pola Fundación 3M, e que este ano tiñan a auga como ámbito de investigación. O galardón do equipo USCAN3D corresponde á categoría Auga e Natureza, e foi concedido ao traballo ‘Novas tecnoloxías de forestación e monitorización de plantacións en ambientes semiáridos’, realizado conxuntamente con investigadores da Universidad de Valladolid. O estudo ten por obxecto analizar a viabilidade técnica e económica dunha tecnoloxía innovadora para a implantación vexetal en zonas semiáridas: o Waterboxx, que permite fornecer de humidade unha planta nos seus primeiros anos de vida. En segundo lugar avalíase o emprego de tecnoloxías que simplifiquen e abaraten o proceso de monitorización das plantacións realizadas, para o que se empregan novidosas técnicas para o control mediante a teledetección terrestre de baixa altitude cun sensor multiespectral axustado a unha plataforma aérea non tripulada, e realizando posteriormente o tratamento dixital das imaxes obtidas. USCAN3D está conformado por un equipo de investigadores especializados na técnica de virtualización de obxectos, mesmo mediante a ceación de software propio para este fin, e esa foi precisamente a súa achega ao proxecto premiado: a monitorización das plantacións mediante teledetección terrestre e fotogrametría de baixa altitude, mentres os expertos da Universidad de Valladolid se encargaron de analizar a viabilidade técnica e económica do Waterboxx.
Os resultados das probas experimentais realizadas mostran taxas medias de supervivencia de plantóns superiores ao 90%. É posible así mesmo unha maior eficiencia mediante o emprego do material e a metodoloxía propostas no traballo, xa que permiten substituír (dependendo da especie e da idade), o traballo de campo por técnicas de captura de información a distancia. O éxito das plantacións realizadas neste proxecto abre novas perspectivas para a agrosilvicultura, a reforestación e a restauración de ecosistemas, e pode ofrecer unha solución moi interesante en lugares onde a rega sexa difícil e custosa de realizar.