O novo equipo de Xerencia da USC, presentado ante o Persoal de Administración e Servizos de Lugo

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o xerente da Universidade da Santiago de Compostela, Xavier Ferreira, reuníronse este martes no edificio Cactus co persoal de Administración e Servizos da USC do Campus con motivo da presentación do novo equipo de Xerencia. Nos vindeiros días, o novo equipo tamén será presentado ante o persoal que traballa en Santiago.
A nova estrutura da Xerencia responde ao compromiso do novo reitor da USC, Antonio López, de profesionalizar a xestión e eliminar cargos asesores e adxuntos nos diferentes ámbitos. Desta forma, o xerente estará asistido nas súas funcións por distintas Vicexerencias, asumindo Delfín Pérez a do campus de Lugo e Servizos. Ademais, Pilar Martínez ocupará a Vicexerencia de Persoal, Investigación e Planificación Estratéxica; mentres que na de Economía e Infraestruturas sitúase Xosé Antón Freire; e na de Xestión Académica, Francisco Colomer.
Todas as vicexerencias serán desempeñadas por persoal funcionario de Administración e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela, con experiencia en distintos postos de responsabilidade das áreas académica, económica e de investigación. A do campus de Lugo será a encargada de coordinar os Servizos Universitarios no seu conxunto, desenvolvendo polo tanto un rol relevante en ambos os dous campus.
Á xuntanza asistiron tamén os adxuntos á Vicerreitoría de Coordinacion do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Mª Elvira López Mosquera, e para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata.
O vicexerente do campus de Lugo e Servizos, Delfín Pérez (Ourense, 1967) ocupou nos últimos 10 anos postos de responsabilidade na xestión de centros, na área económica e de investigación. Entre os anos 2010 e 2014, e desde 2016 á actualidade, desempeñou o posto de Xefe do Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado, na área académica e de servizos á comunidade universitaria.