Erasmus de toda Galicia reúnese no Campus de Lugo na súa festa anual
Un total de 400 alumnos estranxeiros do programa Erasmus das tres universidades galegas reuniranse este venres 30 no Campus de Lugo na festa anual organizada polas tres entidades educativas para a promoción deste tipo de intercambios entre estudantes europeos.
A festa dará comezo na Facultade de Veterinaria, ás 12:30 horas, cunha recepción a cargo do vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o vicerreitor adxunto de Investigación de Proxeccion Exterior, Agustín Merino; a vicerreitora de Relacións Internacionais da Universidade da Coruña, María José Martínez López; o director da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Anselmo Seoane, e a decana da Facultade de Veterinaria luguesa, Ana María Bravo moral.
Entre o programa de actos previsto para a xornada figura a actuación do Espazo de Danza da USC, unha serie de xogos e unha visita ao Centro de Interpretación da Muralla. Finalizará a xuntanza cun concerto de Pepe Vaamonde. A participación nos actos está aberta a toda a comunidade educativa.