Ir o contido principal

Nova Escola Galega presentou un novo número da súa revista dedicado ás aulas hospitalarias

Aulas hospitalarias é o tema co que inicia o seu contido un novo número, o 46, da Revista Galega de Educación, unha publicación de Nova Escola Galega na que se atopan numerosas achegas de docentes e investigadores da Facultade de Ciencias da Educación da USC. O novo exemplar da revista que dirixe o profesor da USC Xesús Rodríguez Rodríguez presentouse este mércores no CHUS nun acto no que tamén participou a súa coordinadora, a investigadora da USC Yesica Teijeiro Boo; a presidenta de Nova Escola Galega, María Dolores Candedo Gunturiz, e un representante do CHUS. O tema central percorre as particularidades do ensino e a pedagoxía nos centros hospitalarios, o papel da familia no proceso de ensino nestes contextos, as novas tecnoloxías ou a elaboración dos materiais educativos neste ámbito. Xunto a esta cuestión a publicación faise eco doutras como unhas xornadas nas que se atendeu á relación entre educación e medios de comunicación, experiencias de innovación educativa, os primeiros pasos cara a participación dos nenos a través do Consello Municipal da Infancia ou a sección de recensións. Unha información sobre o IV Encontro de debate sobre o medio rural, completa o sumario da publicación no que tamén se inclúen, entre outros asuntos, unha entrevista a Xavier Úcar sobre a transversalidade da animación sociocultural, a nova formación do profesorado de secundaria ou a sección dedicada aos recursos do contorno, nesta ocasión centrada no Museo da Pesca e no Museo do Mar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2010.