A Escola Infantil Breogán abre o prazo de inscrición para o curso 2012-13
A Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC abriu xa o período de solicitude de inscrición para as prazas da Escola Infantil Breogán de cara ao próximo curso. O prazo permanecerá aberto ata o próximo 8 de maio. O servizo está dirixido a persoal docente e investigador, de administración e servizos e estudantes con fillos entre 0 e 4 anos. Unha vez recollidas as solicitudes, as prazas serán adxudicadas conforme aos criterios establecidos na convocatoria, que teñen en conta os ingresos, a situación sociofamiliar e laboral e o colectivo ao que pertencen os demandantes dentro da comunidade universitaria. A Escola Infantil Breogán, situada no Campus Vida de Santiago, está aberta todo o ano en horario de 8.00 a 20.00 horas, agás no mes de agosto en que permanece pechada, e con horarios especiais tamén en Nadal, Semana Santa e durante o mes de xullo.
Os impresos de solicitude de praza poden recollerse na propia escola infantil, en horario de 16.00 a 18.00 horas, ou descargarse a través da páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/breogan.