Ir o contido principal

A Escola de Organización Industrial impartirá na USC tres módulos do programa ‘Iniciativa Emprendedora’

De carácter gratuíto, diríxese a alumnado de máster, de últimos anos de grao, de posgrao, de doutoramento e titulados/as dos últimos anos en situación de desemprego

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e Uninova colaboran coa Escola de Organización Industrial (EOI) na impartición na Universidade de Santiago de tres módulos da acción formativa ‘Iniciativa Emprendedora’, dous no campus de Santiago (un en abril e maio e outro en novembro e decembro) e un no campus de Lugo (en novembro e decembro). Esta acción desenvólvese no marco da estratexia de alianzas da USC con axentes implicados na promoción do emprendemento. Os tres módulos impartiraos a Escola de Organización Industrial, pertencente ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, cunha ampla experiencia na posta en marcha de empresas por teren participado na xestación de varios miles de proxectos de empresas tanto dentro como fóra de España. Concretamente, o primeiro curso a celebrar no Campus de Santiago (na aula de formación do Edificio Emprendia) terá lugar en horario de tarde os días 3, 7, 21, 22 e 28 de abril e o día 8 de maio. En formato teórico-práctico, esta é unha acción formativa de carácter gratuíto dirixida a alumnado de máster, estudantado de últimos anos de grao, de posgrao, de doutoramento e egresados dos últimos anos en situación de desemprego, por esta orde de preferencia. O proceso formativo consta dunha parte lectiva, de 30 horas de duración, na que se transmiten conceptos considerados imprescindibles para a creación dunha empresa e refórzase con 40 horas de titorización a distribuír entre todos os grupos de traballo. Os módulos a impartir na fase lectiva achegan formación sobre o ecosistema emprendedor, innovación, estratexia, finanzas, mercadotecnia, propiedade intelectual e comunicación. De xeito paralelo ao desenvolvemento dos módulos crearanse grupos de traballo entre os/as participantes. Cada grupo elaborará un plan de negocio partindo dunha idea de empresa. Durante as seis semanas de duración do curso e coa axuda dun titor elaborarase o plan de negocio. Finalmente realizarase unha presentación de cada proxecto ao resto do alumnado ou posibles inversores como exercicio práctico de comunicación. Xornadas de presentación Esta iniciativa será obxecto dunha presentación no Campus Norte da USC o martes 25 de marzo ás 11.00 horas no salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e ao alumnado de Campus Vida o mesmo día ás 13.00 horas no salón de Graos da Facultade de Farmacia.

Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a AVTE ou a Uninova nos teléfonos +34 881815593 ou +34 881815596. O proceso de formalización das inscricións pode realizarse a través da web da EOI.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2014.