A Escola Politécnica acolle o xoves 23 a cuarta xornada de cata de consumidor de viños experimentais Albariño e Mencía
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo acollerá o vindeiro xoves, día 23 de xaneiro, unha cata de consumidor de viños experimentais elaborados a partir de uva das variedades Albariño e Mencía. Esta sesión, organizada polo grupo de Fertirrigación e Necesidades Hídricas do grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, está aberta á participación de todo o público interesado.
As persoas que desexen participar como consumidores nesta xornada de cata poderán formalizar a súa inscrición de balde ata o vindeiro día 22 de xaneiro a través do enderezo de correo electrónico javierjose.cancela [at] usc.es (javierjose[dot]cancela[at]usc[dot]es). O aforo para participar nesta sesión de cata está limitado a un máximo de 54 persoas A xornada de cata hedónica e de consumidor de viños elaborados coas variedades de uva Albariño e Mencía encádrase dentro das actividades programadas ao abeiro do proxecto de investigación ‘ Influencia das diferentes prácticas culturais no estado hídrico dos viñedos do Noroeste de España: valoración agronómica e económica’. Este proxecto, financiado polo INIA e que recibe un 80% do seu orzamento de Fondos Feder, contempla o desenvolvemento de sesións de cata de todos os caldos elaborados a partir da uva obtida nos diferentes ensaios realizados en diferentes localizacións de Galicia, tanto de variedades brancas como tintas. A sesión de cata programada para o 23 de xaneiro dá continuidade ás dúas xa celebradas en maio de 2013, así como á desenvolvida o pasado xoves 16 no mesmo centro universitario lugués. Estas tres xornadas de cata tiveron unha grande aceptación por parte do público, segundo subliñaron os organizadores. Asemade, cara a unha mellor organización, os promotores da xornada acordaron establecer tres quendas de cata, sesións que se prolongarán durante unha hora e que comezarán ás 17.00, 18.00 e 19.00 horas, respectivamente.