A Escola Politécnica acollerá o 16 a terceira xornada de cata de consumidor de viños experimentais Godello e Treixadura
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo acollerá o vindeiro xoves 16 de xaneiro unha cata de consumidor de viños experimentais elaborados a partir de uva das variedades Godello e Treixadura. Esta sesión, organizada polo grupo de Fertirrigación e Necesidades Hídricas do grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, está aberta á participación de todo o público interesado.
As persoas que desexen participar como consumidores nesta xornada de cata poderán formalizar a súa inscrición de balde ata o vindeiro día 15 a través do enderezo de correo electrónico javierjose.cancela [at] usc.es (javierjose[dot]cancela[at]usc[dot]es). A xornada de cata hedónica e de consumidor de viños blancos galegos encádrase dentro das actividades programadas ao abeiro do proxecto de investigación ‘Influencia das diferentes prácticas culturais no estado hídrico dos viñedos do Noroeste de España: valoración agronómica e económica’. Este proxecto, financiado polo INIA e que recibe un 80% do seu orzamento de Fondos Feder, contempla o desenvolvemento de sesións de cata de todos os caldos elaborados a partir da uva obtida nos diferentes ensaios realizados en diferentes localizacións de Galicia, tanto de variedades brancas como tintas. A sesión de cata programada para o 16 de xaneiro dá continuidade ás dúas xa celebradas en maio de 2013 e que, segundo os organizadores, tiveron unha grande aceptación por parte do público. Asemade, de cara a unha mellor organización, os promotores da xornada acordaron establecer tres quendas de cata, sesións que se prolongarán durante unha hora e que comezarán ás 17.00, 18.00 e 19.00 horas, respectivamente. O número máximo de consumidores que poderán apreciar as propiedades dos caldos experimentais obtidos de variedades de uva Godello e Treixadura nesta sesión de cata é de 50 persoas. A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo acollerá unha nova cata de consumidores o vindeiro 23 de xaneiro. As dúas sesións terán lugar na cafetería do citado centro universitario lugués.