Ir o contido principal

A Escola Politécnica bota a andar un ciclo sobre o sector forestal cun foro de debate sobre xestión de masas e certificación

Cartaz do ciclo sobre sector forestal organizado pola Escola Politécnica Superior
Cartaz do ciclo sobre sector forestal organizado pola Escola Politécnica Superior
Isabel Puentes, Marcos Estévez e Roque Rodríguez Soalleiro participan este venres, a partir das 12.00 horas, no primeiro dos catro relatorios programados nesta actividade

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC bota a andar un ciclo sobre o sector forestal de Galicia cun foro de debate sobre xestión de masas e certificación no que intervirán como relatores a coordinadora do Grupo Galego de Certificación Forestal e Cadea de Custodia, Isabel Puentes; Marcos Estévez, xestor de proxectos comunais e pequenos propietarios, e o catedrático da área de Produción Vexetal da USC Roque Rodríguez Soalleiro.

O foro sobre xestión de masas e certificación forestal desenvolverase a partir das 12.00 horas na sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo, o mesmo escenario no que o tamén profesor da USC Ignacio Díaz Maroto guiará de seguido un debate aberto co público asistente á sesión.

Este coloquio servirá de apertura das xornadas sobre enxeñaría agrofoforestal, unha programación promovida a iniciativa do profesor Pablo Vila Lameiro e que terá continuidade os días 5, 12 e 19 de maio no centro universitario lugués, onde diversos relatores tratarán cuestións ligadas a sanidade vexetal, paisaxismo e ordenación do territorio e industria forestal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2017.