A Escola Politécnica Superior amosa ao público ata o 2 de marzo a exposición medioambiental ‘Galicia. Conservando a Natureza’

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo amosa ao público a exposición medioambiental ‘ Galicia. Conservando a Natureza’ ata o vindeiro 2 de marzo. Esta mostra, de carácter didáctico e educativo, está dirixida a todos os públicos e está integrada por 22 paneis individuais, así como outro audiovisual, a través dos que se busca dar a coñecer e poñer en valor a riqueza paisaxística de Galicia.
A exposición ‘Galicia. Conservando a Natureza’ chega ao campus lugués cedida polo Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, logo de ter percorrido xa varias vilas e cidades galegas.
A mostra pretende dar a coñecer a todas as persoas que a visiten cales son os principais valores ambientais y patrimoniais que fixeron merecedores da protección os diferentes espazos naturais que aparecen recollidos e aos que se fai alusión na mesma.
'Galicia. Conservando a Natureza’ busca tamén sensibilizar á poboación respecto da importancia que teñen este tipo de espazos naturais protexidos para a conservación de biodiversidade no contexto dun patrimonio que é único e irrepetible e que a sociedade ten a obriga de coidar e protexer para así garantir o seu goce por parte das futuras xeracións.